A adaptación con acción real do filme de debuxos animados da DreamWorks How to Train Your Dragon xa conta con protagonistas humanos, e ambos veñen de asinar un contrato polo que fican vencellados á franquía para as posíbeis secuelas.
Mason Thames (un dos nenos secuestrados en The Black Phone) será Hiccup, o papel que no filme orixinal fora interpretado pola voz de Jay Baruchel. E Nico Parker (Dumbo, The Last of Us) será Astrid, o persoaxe a quen America Ferrera lle emprestou a súa voz.
O realizador nominado ao Oscar Dean DeBlois, responsábel da triloxía orixinal que durou dende 2010 a 2019, regresa para escribir, producir e dirixir esta nova versión, que suporá a primeira vez que un filme da Dreamworks dá o chimpo ás pantallas en forma de acción con actores de carne e oso.
Os filmes da franquía de How to Train Your Dragon teñen lugar na mítica vila viquinga de Berk e narran as aventuras dun rapaz adolescente chamado Hiccup (Impo na versión en galego) que se fai amigo dun dragón ferido, ao que axuda a voar de novo.
Baseada nos libros da escritora inglesa Cressida Cowell, a triloxía orixinal xerou mais de 1.600 millóns de dólares nos despachos de billetes de todo o mundo e deu orixe non só ás tres longametraxes, senón ademais a seis curtas, videoxogos, cómics, tres séries de televisión e mais un parque de atraccións.
Marc Platt (Bridge of Spies) será o produtor da película, que a Universal quere estrear para o 14 de marzo de 2025. A rodaxe dará comezo xa este verán.