Os zombis tóxicos de John Carpenter

425

A compañía francesa Focus Entertainment e mais a americana Saber Interactive van unir as súas forzas para crearen John Carpenter’s Toxic Commando, un novo videoxogo de disparos interactivo inspirado polos filmes de acción e terror dos anos 80.

Este proxecto, que foi desvelado onte no decurso do Summer Game Fest, chegará o ano que ven ás plataformas PlayStation 5, Xbox e PC. Ambientado nun futuro próximo, un intento experimental de aproveitar o poder do núcleo da Terra remata en desastre, coa liberación do Deus da Lama. Esta antiga abominación comeza a destruír a zona, convertendo o chan en escoura e aos vivos en monstros non-mortos. Porén o xénio responsábel do experimento ten un plan para arranxar as cousas e contrata aos Comandos Tóxicos, dos que os xogadores deberán tomar o control.

John Carpenter, o director responsábel de filmes tan emblemáticos coma Halloween, The Thing, They Live, Escape From New York e tantos outros, é un fan dos videoxogos, dos que adoita falar decote cando ten ocasión perante os médios. Nun comunicado, dixo: “É emocionante colaborar nun novo videoxogo con Focus e Saber. Mira, gosta-me moito disparar aos zombis. Non paran de dicir-me que se chaman ‘infectados’. Por favor. Son espantallos, tío. Rebentan moi ben e hai unha chea deles. Á xente vai-lle encantar este xogo“.

Aínda que non ten unha data de estrea fixa, xa se pode ver un adianto neste vídeo: