A Lionsgate trae de volta ao Leprechaun

360

A Lionsgate ten intención de reiniciar unha das súas franquías mais antigas e lonxevas, a terrorífica Leprechaun, pero desta volta nunha versión para as novas xeracións.

O colombiano Felipe Vargas (Milk Teeth) dirixirá a longametraxe a partir dun guión de Mike Van Waes, quen ven de traballar no filme de acción real de Lilo & Stitch. Roy Lee será o produtor xunto a Miri Yoon.

A Trimark Pictures creou o primeiro filme da saga aló por 1993, con Warwick Davis no papel protagonista, o dun vingativo trasno irlandés, un leprechaun. A película non pasou á história pola súa calidade, pero si por ser o debut de Jennifer Aniston, e por se converter nunha sorpresa nos despachos de billetes, grazas á cal se fixeron logo outras sete secuelas. A franquía foi absorbida pola Lionsgate en 2000 cando a compañía mercou á Trimark, e aínda nos nosos días, a canle SyFy adoita celebrar o día de San Patrício cunha maratón dos filmes de Leprechaun.

Davis, o actor anano que tamén protagonizou Willow, interpretou o papel principal ao longo de seis dos filmes, pero non se agarda que regrese para esta nova entrega.

Nun comunicado, Erin Westerman, presidenta de produción do grupo Lionsgate, dixo: “Trinta anos despois do seu debut, esta franquía segue enmeigando, e estamos encantados de trae-la de volta cunha nova visión. Roy e Miri son dous dos nosos produtores de confianza, especialmente neste xénero, e estamos entusiasmados coa visión que Felipe ten da película coma director. Nas súas mans, esta película meterá moito medo e será moi divertida“.