Finou o lendário John Romita Sr.

594

O lendário debuxante de cómics John Romita Sr. morreu onte aos 93 anos. A nova foi comunicada polo seu fillo, o tamén debuxante John Romita Jr., quen confirmou que seu pai finara en paz mentres durmía. Romita tivo unha grande e influínte carreira no eido dos cómics de superheroes na Marvel, e foi o creador de persoaxes coma Mary Jane Watson, Lobeto e o Punisher.

Nado en 1930 en Brooklyn, New York, Romita graduou-se na Escola de Arte Industrial de Manhattan en 1947 e acadou o seu primeiro choio con tan só 17 anos. Tras traballar coma entintador nunha empresa de litografía, fíxo-se cun posto de “negro” na Timely Comics, a precursora da Marvel Comics, pero tivo que deixar o posto cando foi recrutado polo exército americano en 1951. Entre os seus primeiros traballos daquela estivo a renovación do Capitán América, quen pasou de loitar cotra os nazis a face-lo contra os rusos.

Durante os anos 50, Romita traballou tamén para a DC en cómics románticos, antes de obter traballo fixo na Marvel en 1965, onde inicialmente debuxou a Daredevil e logo sucedeu ao mítico Steve Ditko en The Amazing Spider-Man. Durante ese tempo, o cómic converteu-se no mais vendido da compañía e introduciu a Mary Jane Watson, Rhino, Kingpin, Shocker ou George Stacy.

Quería-lle achegar un pouco mais de glamur“, diría Romita más tarde sobre Spider-Man. “Escoitando aos fans da época, o que estaba perdendo era o mistério e as sombras. Pensaban que había demasiada luz e demasiado melindre. É curioso, porque Stan desacougaba cando eu o facía. Non me ameazou con deixar de face-lo, pero me dicía constantemente que debuxaba a Peter Parker demasiado guapo, e a todo o mundo demasiado aposto. Mesmo os falcatruáns empezaban a ter boa fasquía e lle estaba a quitar anos á tía May“.

En 1973, Romita comezou a traballar oficialmente coma director artístico da Marvel, e tivo un papel influínte nos deseños de Lobeto, Luke Cage, o Punisher, Bullseye e Tigra. E entre os seus derradeiros traballos están o debut de Monica Rambeau coma a Capitá Marvel.

En novembro de 1952 casou coa súa moza Virginia Bruno, coa que viviu o resto da súa vida e coa que tivo dous fillos, o xa mencionado John Jr. e mais Victor.