Muschietti, valente e ousado

442

A Warner Bros. Pictures ven de rematar con semanas de rumores, facendo oficial a contratación de Andy Muschietti (IT, The Flash) coma director da vindeira Batman: The Brave and the Bold.

O filme será a primeira aparición de Batman no cinema dende que James Gunn e Peter Safran se fixeron cargo da nova DC e será totalmente independente das versións de Matt Reeves protagonizadas por Robert Pattinson, The Batman e mais a súa vindeira secuela, que son mundos alternativos non conectados co canon oficial do persoaxe.

A nova película está baseada na influínte série homónima creada por Grant Morrison nos cómics, onde a protagonista é unha “Bat-família” na que o fillo biolóxico de Bruce Wayne, Damian, é Robin. Esta será polo tanto a primeira vez que o clásico axudante de Batman se vexa nas pantallas dende a súa anterior e falida aparición de 1997, cando fora interpretado por Chris O’Donnell no filme Batman & Robin.

A irmá de Muschietti e parceira creativa, Barbara, será a produtora por médio da súa empresa, a Double Dream. Gunn e Safran tamén serán produtores, e nun comunicado no que confirmaban a contratación, dixeron: “Vimos The Flash mesmo antes de empuñar as rendas da DC Studios, e sabiamos que estabamos en mans non só dun director visionário, senon dun grande fan da DC. É unha película magnífica, divertida, emotiva, emocionante, e a afinidade e paixón de Andy por estes persoaxes e este mundo resoan en cada fotograma. Así que cando chegou o momento de atopar un director para The Brave and the Bold, só había unha opción. Por sorte, Andy dixo que si. Barbara asinou para producir connosco e puxemo-nos en marcha. Son unha equipa extraordinária, e non poderiamos ter mellores parceiros nin mais inspiradores para nos embarcarmos nesta nova e emocionante aventura do DCU“.

Xunto a este filme, os novos proxectos da DC Studios son Superman: Legacy, que dirixe o mesmo Gunn, Swamp Thing de James Mangold, e dous que aínda non contan con director: The Authority e mais Supergirl: Woman of Tomorrow.