O actor coreano Ma Dong-seok (mais coñecido coma Don Lee) protagonizará e producirá a adaptación cinematográfica en inglés da série de novelas distópicas de ciéncia-ficción Hell Divers, do autor supervendas Nicholas Sansbury Smith. O filme estará baseado nos tres primeiros libros da saga, cuxa primeira entrega publicou-se en 2016 e que leva xa dez en total polo de agora.
A adaptación contará cun guión de J.P. Davis (Plane, The Contractor). Polo de agora aínda non hai un director vencellado ao proxecto.
Hell Divers ten lugar dous séculos despois de que a Terceira Guerra Mundial envelenara o planeta. Os derradeiros seres humáns viven en enormes avións que voan ao redor do mundo na procura dun área habitábel ao que chamar casa. Envellecidas e anticuadas, a maioría das naves caeron en picado á Terra hai moito tempo. A única cousa que mantén no ceo aos avións son os Hell Divers (“Búcios do Inferno”), homes e mulleres que arriscan as súas vidas lanzándo-se en paracaídas á superfície á procura das pezas que os avións necesitan para seguir funcionando. Xavier, ou simplemente X, é un lendário Hell Diver no centro da acción.
Lee, a quen os fans recordarán polas súas aparicións en Eternals ou en Train to Busan, será o protagonista. Nun comunicado, dixo: “Estamos encantados de unir-nos á Arad Productions e a Jerome Chen coma produtores para adaptar esta emblemática novela de ciéncia-ficción, e sínto-me honrado e emocionado de dar vida ao persoaxe aguerrido pero cheo de matices Xavier“.
Avi Arad, Ari Arad e Emmy Yu, da Arad Productions, serán tamén os produtores, xunto ao director, especialista en efectos especiais e supervisor de animación Jerome Chen. Lee e Chris S Lee producen baixo o selo de seu, a Gorilla 8 Productions.