Aínda que a Paramount+ xa dera luz verde a unha segunda tempada da série de debuxos animados Star Trek: Prodigy, onte anunciaron a súa cancelación, e ademais, a súa retirada da plataforma de streaming.
A abraiante decisión ten a súa orixe nos esforzos por desgravar impostos, unha táctica que tamén utilizaron a Disney+ e especialmente a Warner Bros nos últimos tempos, pero no caso de Prodigy é especialmente grave, non só porque é a primeira série trekkie que remata após de tan só unha tempada, senón porque xa se confirmara a súa segunda entrega, que polo menos na Paramount+ xa non terá lugar. Porén os estudos teñen a intención de vender a série a un novo comprador.
A Paramount+ emitiu un comunicado, no que di: “Mentres nos preparamos para combinar Paramount+ e Showtime a finais deste mes nos Estados Unidos, estamos a refinar a nosa oferta de contidos para ofrecer a mellor experiéncia de streaming aos subscritores. Isto é coherente coa nosa estratéxia de contidos dende o lanzamento e en todo o noso negócio, o que garante que tomamos decisións intelixentes e eficientes, informadas polos dados e perspectivas da audiéncia. Estamos eliminando programación selecta mentres buscamos optimizar a sólida grella de orixinais premium da Showtime“.
A guionista de Star Trek: Prodigy, Julie Benson, compartiu nas redes sociais o seu pesar e fixo un chamamento para que a série poida continuar noutra canle. E os seus creadores, Dan e Kevin Hageman, tentaron nun chío en Twitter mantér unha actitude positiva de cara ao futuro: “Confiamos en que esta série sea elixida por un novo fogar para axudar a facer medrar a nosa afervoada base de fans e inspirar á nova xeración de fans de Star Trek. A nosa talentosa e apaixoada equipa de artistas está a traballar arreo para completar a segunda tempada. E mantemo-nos positivos e esperanzados de que os nosos incríbeis fans poidan ve-la axiña. Janeway nunca se daría por vencida, así que por que haberíamos de face-lo nós? Sigamos as súas ordes e vaiamos con ousadía“.