A CBS Eye Animation Productions e mais os estudos Innersloth van-se asociar para produciren unha série de debuxos animados para a televisión baseada no popular videoxogo Among Us.
A série está baseada na mesma premisa do xogo, na que algúns membros dunha nave espacial foron substituídos por un metamorfo extraterrestre que tenta causar confusión, sabotar a nave e finalmente matar a todo o mundo. Os xogadores deben eliminar ao impostor ou caer vítimas dos seus amaños.
A Titmouse (a empresa responsábel de Star Trek: Lower Decks) encargará-se de facer a animación, pero polo de agora aínda non hai ningunha canle vencellada ao proxecto, se ben hai xa conversas en marcha con algunhas interesadas. Dado que esta série estará cuberta pola asociación The Animation Guild e non polo sindicato WGA, non se verá afectada pola actual folga de guionistas.
O creador da série de debuxos animados Infinity Train, Owen Dennis, será o creador e produtor executivo do proxecto, coma parte do seu acordo global de colaboración coa CBS Studios. Forest Willard, Marcus Bromander, Carl Neisser, Chris Prynoski, Shannon Prynoski, Antonio Canobbio e Ben Kalina son os outros produtores executivos.
Aínda que o videoxogo Among Us estreou-se en 2018, non acadou o seu máximo nivel de popularidade até que comezou a pandémia, cando chegou a ter case 500 millóns de xogadores mensuais activos en todo o mundo e pasar das 4.000 millóns de visualizacións de vídeos en YouTube.