Emmerich funda a Nación do Espazo

461

O realizador responsábel de Independence Day e 2012, o alemán Roland Emmerich, ven de anunciar o seu regreso ás pantallas cunha nova franquía que mesturará diversos tipos de médios e que levará por título Space Nation.

O proxecto concibe-se en princípio coma unha série de televisión, un xogo online de space opera e mais unha série de curtas de debuxos animados, e todo elo comezará coma un xogo de rol multixogador masivo en liña (MMORPG) ao xeito de World of Warcraft.

Os xogadores asumirán o papel de capitáns de nave e embarcarán-se nunha rota épica para desentrañar os mistérios do cúmulo de Telikos. O universo do xogo está habitado por espécies alieníxenas dirixidas por tres faccións principais, cada unha con ideoloxías e obxectivos distintos.

O proxecto recibiu xa 50 millóns de dólares de diversas empresas de financiamento: a Chain Hill Capital, a Foresight Ventures, a Lighthouse Capital, a SevenX Ventures, a HashKey Capital, o Arcane Group, a Initiate Capital, a JDAC Capital, a Assembly Partners e mais do futbolista romanés Cristian Manea, pero aínda está a agardar por unha derradeira rolda de financiamento en outono.

Emmerich afirma nun comunicado: “O crecente interese de Hollywood polos videoxogos reflicte un maior recoñecemento da súa popularidade e mais o seu potencial narrativo. O universo expansivo que estamos a construír en Space Nation é unha tremenda oportunidade para engaiolar ao público alí onde consuma entretemento con novas e innovadoras formas de contar histórias“.

Emmerich traballou recentemente na série de gladiadores da Peacock Those About To Die e dirixiu a súa última película o ano pasado, Moonfall. Neste proxecto tamén participan Jerome Wu (product manager de World of Warcraft), Tony Tang (desenvolvedor de Warframe) e Marco Weber (produtor de The Thirteenth Floor).