As miñas aventuras con Superman continuarán

310

A série de debuxos animados da Adult Swim My Adventures With Superman, que se estreou o pasado día 6 e que está a obter moi boas críticas, contará cunha segunda tempada.

My Adventures With Superman ofrece unha versión lixeira e clásica do superheroe nunha história serializada que conta como un Clark Kent de vinte e poucos anos, xunto á dinámica e brillante Lois Lane e mais o seu mellor amigo Jimmy Olsen comezan a descubrir quen son e todo o que poden acadar xuntos coma xornalistas de investigación no Daily Planet.

O creador da série, Jake Wyatt, confirmou nun chío en Twitter que haberá unha segunda tempada na mesma canle, que a encargara oficialmente xa en 2021. No elenco figuran Jack Quaid coma Clark Kent, Alice Lee no papel de Lois Lane e Ishmel Sahid coma Jimmy Olsen.

Mália que é emitida pola Adult Swim, a série non ten contido “para adultos” e é apta para todos os públicos. Wyatt, Sam Register e Brendan Clogher son os seus produtores executivos.