A precuela animada da Roda do Tempo

449

O guionista Zack Stentz (Thor, X-Men: First Class) ven de chegar a bordo do filme de debuxos animados The White Tower, que está inspirado pola emblemática saga de novelas de fantasía de Robert Jordan The Wheel of Time.

A longametraxe desenvolverá-se nunha época anterior aos acontecementos narrados na série de acción real The Wheel of Time da Amazon Prime Video, cuxa segunda tempada está por se estrear en setembro, e é polo tanto un proxecto independente. Mentres que a série da Amazon é unha adaptación directa dos libros, Stentz escribirá aquí unha história orixinal ambientada no mesmo mundo literário. A torre branca á que fai referéncia o título é utilizada pola misteriosa irmandade Aes Sedai coma capital, residéncia, escola e fortaleza.

A Iwot Productions e mais a Squeeze Studios producirán conxuntamente o proxecto, unha aventura de acción protagonizada por unha rapaza cun don especial cuxa vida cambia para sempre cando o mal visita a súa vila das montañas.

Ao se atopar soa nun mundo perigoso, debe ir á Torre Branca para aprender a utilizar os seus poderes máxicos e salvar á súa família e amigos. Rebelde e desconfiada, aprende que a amizade pode ser un arma tan poderosa contra o mal coma calquera forma de máxia.

The White Tower contará coa produción de Rick Selvage e Larry Mondragon, que tamén son produtores executivos da série da Amazon. A saga de novelas de The Wheel of Time abrangue 14 tomos ao longo dunha liña temporal que se estende mais de 3.000 anos.