Aínda que Ms. Marvel morreu no número 26 de The Amazing Spider-Man, a morte non adoita ser para sempre no mundo dos superheroes, e esta non vai ser unha excepción. Kamala Khan regresará axiña aos quiosques, pero a nova non é esa.
Iman Vellani, a actriz que interpreta a Kamala no Universo Cinematográfico Marvel – empezando pola série Ms. Marvel do ano pasado en Disney+, e continuando na pantalla grande con The Marvels a estrear a finais deste ano – co-escribirá o guión do novo cómic xunto a Sabir Pirzada, o co-guionista da súa série na tele. Carlos Gómez e Adam Gorham encargarán-se dos debuxos, e Sara Pichelli fornecerá as capas.
“Isto meteu-me moito mais medo que unirme ao MCU“, dixo Vellani. “Nunca escribira ren en toda a miña vida, pero lin moitos cómics, así que simplemente escribín o que me gustaría ler. Déron-me unha ferramenta moi profesional para escribir o que é esencialmente a fan fiction de meu“.
Coma era de agardar, a nova Ms. Marvel revéla-se coma mutante, e de aí o título Ms. Marvel: The New Mutant. O mesmo cá súa versión das pantallas, a Kamala dos cómics é agora oficialmente unha mutante, e esa é a explicación de que “resucite” decontado.
Cando Kamala foi creada en 2013 pola guionista G. Willow Wilson, os editores Sana Amanat e Stephen Wacker, e os debuxantes Adrian Alphona e Jamie McKelvie, era unha Inhumana que obtivo os seus poderes grazas á Brétema de Terrigen. Porén a súa nova condición de mutante non substituirá a súa história coma Inhumana, segundo a mesma Vellani:
“Quero deixar moi, moi claro que non estamos a renegar da súa orixe Inhumana. Esa é unha parte da identidade de Kamala que á Marvel e a min nos gustaría moito manter e protexer. O noso cómic reflectirá absolutamente todos eses temas centrais de identidade. Só que agora hai unha etiqueta completamente nova que Kamala ten que aprender a aceptar“.
A nova série tamén presentará un uniforme redeseñado para Ms. Marvel, que destaca a súa nova identidade mutante con logotipos dos X-Men substituíndo ao antigo ráio que se remonta a Carol Danvers. E o mesmo có traxe orixinal, o novo foi creado por McKelvie, responsábel tamén dos Young Avengers ou The Wicked + The Divine.