Presentado o cartace do GFFF

408

Coa participación de Juan de Castro (director do evento) e Miriam Álvarez (subdirectora), así coma do concelleiro de cultura de Vigo, Gorka Gómez, o Galician Freaky Film Festival, festival internacional de cinema freak de Vigo, presentou este xoves 19 o cartace e mais as principais novidades da súa sétima edición, que se celebrará nos renovados Cinemas Tamberlick da Praza Elíptica os días 22 e 23 de setembro, e mais do 27 ao 30 do mesmo mes.

O cartace é obra do ilustrador e animador galego Paulo Mosca, coñecido polo seu trazo fino e a incorporación do humor nos seus traballos, e mais da deseñadora gráfica viguesa María Llauger. Nel observamos unha distopía futurista na que destaca o Dinoseto implosionando pola acción de Akira no médio da ría de Neo-Vigo, logo de arrasar a Ponte de Rande nunha encarnizada batalla.

Gómez amosou o seu convencemento de que “Vigo é xa a capital do cinema freak de Galiza“, mentres que de Castro definiu o friquismo cinematográfico coma “un xénero inmortal, que continúa a ser dos máis consumidos pese ás crises ou cámbios de plataforma“. Tamén recalcou o carácter lúdico e falcatrueiro do certame, afastado dos convencionalismos.

Pechado o período de recepción de curtametraxes, a organización define o recibido como “unha boa colleita de 592 pezas“. A maior parte delas veñen de España, pero tamén hai curtas chegadas de Franza, Corea, Arxentina, Brasil e Colómbia. Destacan os traballos enviados dende Indiestory, importante produtora coreana, e de Je Regarde, estudo francés centrado na animación.

En canto á programación, haberá unha decena de bloques de curtametraxes internacionais de terror, ciéncia-ficción e humor, a proxección de Akira en 4K, a terceira edición do Pequefreak e mais unha feira de arte, literatura e cultura xaponesas.