A Nintendo quere mais adaptacións

217

A película da Universal e a Nintendo The Super Mario Bros. Movie, que antes da estrea de Barbie fora a que mais éxito acadara este ano nas salas de cinema do mundo, con 1.350 millóns de dólares recadados, podería non estar soa durante moito tempo.

Segundo informa a mesma Nintendo nunha conferéncia de investidores nesta semana, os ingresos no trimestre abril-xuño rexistraron un aumento do 50% respecto ao ano pasado, mentres que os ingresos relacionados con móbiles dispararon-se un 190%.

O éxito foi tal que a Nintendo declarou no seu informe que mais películas e outros “contidos visuais” serán unha parte a salientar da visión global da empresa no futuro:

Ao expandir a propiedade intelectual da Nintendo en áreas alleas á nosa plataforma de videoxogos, creamos novas oportunidades para que os consumidores atopen a propiedade intelectual da Nintendo, e isto vigoriza o noso negócio en xeral. Baseándo-nos nos diversos efectos que confirmamos a través da estrea desta película, continuaremos os nosos esforzos cara iniciativas relacionadas co contido visual“.

A Nintendo pasara case trinta anos evitando adaptar as súas propiedades a outros médios, coma o cinema e a televisión, pero agora, co éxito de Mario, agárda-se que outros filmes sigan axiña o mesmo camiño.

Iso si, polo momento aínda non se fixo oficial ningún anúncio sobre a agardada secuela de Mario, pero dado que estamos nunha folga de guionistas, isto tampouco é de estrañar.