Talk to Me continuará falando

197

A A24 volverá a traballar xunto aos irmáns xemelgos Danny e Michael Philippou na secuela do aclamado filme de terror Talk to Me.

Co non insospeitado título de Talk 2 Me, a segunda parte contará de novo cun guión de Danny Philippou e Bill Hinzman e coa dirección dos xemelgos, coñecidos tamén polo seu alcume artístico de RackaRacka grazas á súa canle de vídeos de acción e comédia en YouTube.

Sophia Wilde protagonizou o primeiro filme no papel da adolescente Mia, quen no aniversário do pasamento da súa nai xúnta-se cuns amigos nunha sesión de espiritismo na que tamén participa unha man enmeigada. Pero as cousas vólven-se aínda mais sinistras cando as fronteiras entre os mundos se rachan e Mia comeza a ter visións sobrenaturais. Miranda Otto, Alexandra Jensen, Joe Bird, Otis Dhanji e Zoe Terakes compuxeron o resto do elenco neste filme independente australiano.

Talk to Me estreou-se no festival de Cannes de 2022 e participou cunhas críticas apoteóticas en Adelaide e Sundance, polo que foi adquirido decontado pola A24. A estrea nas salas de cinema de todo o mundo produciu-se hai só uns días e polo de agora xa leva recadados mais de 22 millóns de dólares, cun orzamento inicial de tan só 4.

Os Philippou rodaron ademais unha precuela en formato ScreenLife, que conta a história de Duckett, e agardan pode-la estrear nalgún momento, pero aínda é dubidoso que poida ser nos cinemas.