A comunidade latina estaba moi optimista polo avance da súa representación nesta tempada de cinema de verán grazas ao filme Blue Beetle, o primeiro de superheroes dirixido, escrito e protagonizado por latinos. Porén, os guionistas e actores non poden promover os seus proxectos durante as folgas da WGA e mais a SAG-AFTRA, polo que moitos temen que o filme non obteña promoción abondo.
Así pois, vinte e sete organizacións latinas dos Estados Unidos veñen de sumar as súas forzas nunha carta aberta na que piden á comunidade que “amplifique o traballo que innumerábeis artistas latinos crearon con tanto esforzo“.
Segundo un estudo realizado en 2021 pola escola de xornalismo USC Annenberg, que analizou mais de 1.300 películas nun período de 13 anos, só o 5% dos 51.158 persoaxes identificados eran hispanos ou latinos.
Na carta di-se: “As nosas histórias son universais e necesitan ser contadas. Xuntos, debemos seguir avogando por unha indústria mais equitativa e inclusiva, que respecte e honre aos nosos narradores e ás nosas histórias“.
O director de Blue Beetle, o portorriqueño Angel Manuel Soto, expresou a súa comprensión polas folgas e como poden afectar ao rendemento da película, especialmente sen a axuda do seu elenco durante a promoción: “Queremos que a película teña éxito“, dixo. “Pero tamén quero que os meus actores e guionistas reciban o trato que se merecen. Se iso acontece, teremos mais histórias coma esta“.
O elenco do filme inclúe a Xolo Maridueña, George Lopez e mais á nominada ao Oscar Adriana Barraza. Blue Beetle estreará-se nas salas de cinema o 18 de agosto.