As Trece Pantasmas estarrecerán-che na tele

266

A Sony Pictures Television recibiu unha proposta para producir unha série baseada no filme de terror 13 Ghosts, na que colaboran Patrick Mediate, da Primordial Pictures, Aaron McLane, supervisor de efectos especiais de Fear the Walking Dead, e mais a Dark Castle Entertainment. O proxecto en todo caso aínda non recibiu a luz verde.

De saír adiante, sería o primeiro proxecto baseado na propiedade en dúas décadas, e a primeira vez que se faría para a televisión. A história orixinal ía sobre un viúvo arruinado e con dous fillos que herda a xigantesca casa de cristal do seu excéntrico tío, cazador de pantasmas, pero os novos donos ignoran que a casa é a prisión de doce espíritos vingativos.

A série contaría con trece episódios, cun elenco coral, e con cadaún dos capítulos explorando as orixes dunha pantasma diferente. Ademais, esta nova versión terá un sabor internacional e cada unha das súas histórias terá un xeito de seu, influenciado por directores individuais.

Na proposta está incluída asemade a ideia dun compoñente de realidade aumentada que permitiría ao público ver pantasmas adicionais tanto nas pantallas coma nas súas própias casas a medida que se emite a série.

Aínda que o filme orixinal é de 1960, dirixido por William Castle, a maioría dos fans relembrarán mellor o remake de Steve Beck de 2001, que foi criticado, decepcionou nos despachos de billetes, e contaba cunha escenografía cunha casa de cristal e unha cheia de pantasmas diferenciadas.