A rancheira de babosas converterá-se en película

276

A Story Kitchen ven de se asociar coa desenvolvedora de xogos californiana Monomi Park para converter a franquía de videoxogos Slime Rancher nunha longametraxe.

Neste xogo, un sandbox de simulación de vida en primeira persoa, o protagonista é a rancheira Beatrix LeBeau, que emprende unha vida moi lonxe da Terra. O obxectivo é construír o seu rancho e explorar o mundo de Far Far Range para recoller, criar, alimentar e reproducir “slimes”, uns organismos xelatinosos de diversos tamaños e características. No camiño axudan as notas que deixou o antigo dono do rancho.

O título estreou-se oficialmente en 2017 e converteu-se nun dos xogos mais valorados en Steam de todos os tempos, cunha puntuación positiva do 98 %. O ano pasado lanzou-se unha secuela, pero o orixinal aínda conta con mais de 15 millóns de xogadores en todo o mundo.

A compañía Story Kitchen está fundada polo guionista da saga de cans John Wick, Derek Kolstad, o produtor de Sonic the Hedgehog Dmitri M. Johnson e mais polo ex-axente da APA Mike Goldberg. O mesmo grupo ten en marcha várias adaptacións de videoxogos para as pantallas, coma Tomb Raider e Splinter Cell na Netflix, It Takes Two na Amazon, e Toejam & Earl e Streets of Rage, aínda sen comprador.