King Kong cumpre 75 anos

852

O monstroso gorila que aterrorizou e enterneceu a moitos cumpre hoxe 75 anos, e os seus seguidores festexarán-o na Grande Mazá cun concurso de berros e coa proxección do filme que o lanzou á fama o 2 de marzo de 1933.

Dirixido por Merian Cooper e Ernest Schoedsack, o filme causou daquela sensación entre o público que acudiu a vé-lo a un dos teatros mais emblemáticos de Manhattan, o Radio City Music Hall, e dende aquela King Kong converteu-se nunha das iconas da cidade dos rañaceos.

Os neoiorquinos festexarán ao gorila que, namorado, escalou até o mais alto do Empire State, asistindo á proxección do filme de aventuras e realizando un concurso de berros para ver que voz se asemella mais á da actriz canadiana Fay Wray, que interpretou a Ann Darrow, a atractiva muller que cativou á besta.

O King Kong orixinal, un filme descrito pola crítica da época como “exótica” e de “fantasía”, conta as aventuras dun xigantesco símio capturado e levado até a Grande Mazá en plena época da Grande Depresión americana, para ser exposto perante a xente, á que causa pánico, e que remata de forma dramática.

O filme retrata a New York e mais ao seu “skyline”, e foi unha das primeiras que converteu á cidade en protagonista de cinema, e tamén unha das pioneiras en incluir efeitos especiais.

King Kong, que ademais foi un dos filmes mais billeteiros da história do cinema americano, conseguiu conquistar ao público de todos os países, e é ademais un dos filmes clásicos que as televisións americanas emiten en época de feiras.

O director de programación do Film Forum, Bruce Goldstein, – onde se proxectará o domingo o filme – considerou que con esa homenaxe non se trata só “de contemplar a King Kong, se non de como nos familiarizamos con el dunha maneira moderna, e de como se pode ver unha e outra vez, escena por escena“. Goldstein sinalou como moitos neoiorquinos “non podemos deixar de ollar aos rañaceos da cidade e non imaxiná-lo aí enriba”.

Hollywood fixo várias versións do filme, e unha das mais famosas foi a protagonizada en 1976 por Jessica Lange, unha das actrices mais atractivas da época e que asumiu o papel de Fay Wray.

Nesa ocasión, o guionista mudou o escenário do Empire State polo dunha das torres do desaparecido World Trade Center para que King Kong e Jessica Lange interpretasen unha das suas mais famosas escenas, cando o gorila coloca na palma da sua man á súa namorada.

Un segundo remake do filme chegou en 2005, da man do director Peter Jackson, e con outra das belas de Hollywood, Naomi Watt, como protagonista. Aquel filme foi o vencedor na gala dos Oscars do ano 2006.

A saga do King Kong que tanto emociona aos americanos e especialmente aos neoiorquinos, deu coa sua versión de fai pouco mais de dous anos até para videoxogos, xogos para instalar en teléfones móbeis, cancións, vários libros e mesmo páxinas web.

Mesmo se enfrentou hai corenta e cinco anos a outro dos grandes monstros cinematográficos do século pasado, o dinosáuro mutante xaponés Godzilla, en King Kong vs. Godzilla (1962).