A Disney+ rexeita as Crónicas de Spiderwick

222

A Disney+ non seguirá adiante coa estrea da série de oito episódios que adapta os libros de fantasía infantil The Spiderwick Chronicles. O proxecto orixinal da Paramount Television Studios e a 20th Television, que xa rodaron e completaron a série, será agora ofrecido a outros posíbeis compradores.

The Spiderwick Chronicles anunciou-se no decurso do Día Disney+ en 2021, e adapta para a tele a saga de libros de aventuras de fantasía para nenos de Tony DiTerlizzi e Holly Black, publicada en oito tomos dende 2003 a 2009. Jack Dylan Grazer, Lyon Daniels, Noah Cottrell, Joy Bryant, Mychala Lee e Christian Slater son os seus protagonistas.

A história vai sobre a família Grace, que se muda a unha mansión en ruínas e comeza a desentrañar un escuro mistério sobre o seu tío-tataravó, quen descubriu un inquedante mundo de fadas paralelo ao seu.

A nova versión foi calificada de “história moderna de superación persoal combinada con aventuras fantásticas“. A Nickelodeon e e Paramount xa adaptaran a propiedade nun filme de 2008 protagonizado por Freddie Highmore, Mary-Louise Parker, Martin Short e Seth Rogen.

Esta decisión forma parte da importante liquidación de contidos anunciada pola Disney en maio e produce-se nun momento no que os xigantes dos médios de comunicación reavalían as súas estratéxias de streaming. A Disney+ quere cinguir-se sobre todo á propiedade intelectual da Disney para as súas séries de acción real, coma no caso de Percy Jackson, que aínda segue en pé. Porén admiten excepcións, coma acontece con Goosebumps, producida pola Sony TV, e Doctor Who, da BBC.