O gato de Stray chimpa ao cinema

499

A Annapurna Animation dispón-se a adaptar Stray, o aclamado videoxogo de gatos para PS5 e PC da BlueTwelve, para unha longametraxe de debuxos animados. Polo de agora non se deron a coñecer mais detalles da adaptación.

Stray é unha aventura en terceira persoa que pon aos xogadores ao control dun silandeiro gato que debe atravesar unha cidade subterránea povoada por robots e bactérias mutantes coa axuda dun simpático dron, B-12.

O xogo lanzou-se o ano pasado para a PlayStation e PC, recollendo excelentes críticas. Gañou dous Game Awards ao mellor xogo indie e ao mellor xogo indie debutante, ademais de ser nominado ao prémio máximo, o Mellor Xogo do Ano.

Nunha entrevista, Robert Baird, da Annapurna Animation, explicou: “Tráta-se dun xogo sobre o que nos fai humanos, e non hai humanos nel. É unha comédia de amigos entre un gato e un robot, cunha dinámica moi divertida. Hai comédia inherente, pero no hay ningún ser humano na película. Coido que é unha das razóns polas que o videoxogo foi incribelmente popular, que estás a mirar o mundo a través do punto de vista dun adorábel gato“.

A nova deu-se a coñecer no marco dalgunhas contratacións clave na compañía, entre elas as de Nick Bruno, o director de Nimona, o mais recente éxito da compañía, e a produtora Julie Zackary, que será a nova xefa de animación da Annapurna. Zackary, ex vicepresidenta de produción da Blue Sky Studios, supervisará todos os aspectos da produción na división de Annapurna Animation. Erica Pulcini tamén se incorpora como executiva creativa para o desenvolvemento das longametraxes.