Anderson rematará os zombis de Romero

331

O realizador Brad Anderson (Session 9, The Machinist) será o director de Twilight of the Dead, a sétima e derradeira entrega da franquía oficial dos mortos viventes de George A. Romero para a Roundtable Entertainment.

Antes do seu pasamento o 16 de xullo de 2017 Romero escribira un primeiro esbozo de guión para o filme. Joe Knetter, Robert Lucas e Paolo Zelati, que tamén traballaron no devandito esbozo canda Romero, completaron o guión.

A película, cuxos plans se deron a coñecer por primeira vez en 2021, desenvólve-se nunha illa tropical e vai sobre os derradeiros seres humanos da Terra, atrapados entre faccións de mortos viventes. Coma acontece cos outros filmes de Romero, este contén comentários sociopolíticos mesturados coas habituais trampas do xénero.

Suzanne Romero, John Baldecchi, Sarah Donnelly, Zelati e Stephanie Caleb serán os produtores. A rodaxe comezará a finais deste ano en Porto Rico.

Pola súa banda, Anderson dixo nun comunicado:

Night of the Living Dead, o clásico de George Romero de 1968, foi se cadra a primeira película de terror que vin na miña vida, e o seu valor de conmoción, a súa aguda releváncia social e mesmo os médios cos que se fixo servíron-me de grande inspiración. Esta tamén é unha película de zombis na que voan membros e rodan cabezas, pero que tamén trata da transformación social, que formula a pregunta: O que é ser humano? Tamén é un filme de terror con corazón e, ousaría dicir, esperanza“.

O proxecto é totalmente independente dunha secuela aída sen título de Night of the Living Dead na MGM, que dirixirá Nikyatu Jusu, e na que non participa a família de Romero.