O director de The Amazing Spider-Man, Marc Webb, será o encargado de realizar a longamente agardada película Bermuda, unha aventura de acción situada no mítico triángulo das Bermudas, para a Skydance.
Polo de agora non se deron a coñecer detalles sobre o argumento do filme, alén de que estará situada na devandita zona xeográfica no mar Caribe, entre os estreitos da Florida, as illas Bermudas e Porto Rico. Nesa rexión, segundo as teorías da conspiración, acontecen misteriosas desaparicións de avións e barcos, que se atribúen a causas sobrenaturais e extraterrestres.
Dado que a folga de guionistas segue en pé, polo momento non se anunciou ao responsábel de escribir este filme. O seu director, Webb, sería só consultado, pero non se encargará de coescribi-lo. David Ellison, Dana Goldberg e Don Granger serán os produtores.
A película leva en desenvolvemento dende hai anos, cando foi anunciada por primeira vez en 2015. Ao longo de 2017 e 2018 tentou-se comezar a produción, cos nomes de Ryan Reynolds coma protagonista e Sam Raimi de director, e logo, xa en 2020, o actor Chris Evans e mais o realizador Scott Derrickson figuraron tamén vencellados ao proxecto. Nestes intres, ningún deles continúa a bordo.