A Blumhouse apunta a Venres 13

162

Após de revivir a saga de Halloween, a Blumhouse Productions quere repetir o éxito con The Exorcist a partir do mes que ven, pero aí non rematan os plans. O seguinte, segundo Ryan Turek, a man dereita de Jason Blum, podería ser Friday the 13th.

A saga orixinal do asasino do machete estendeu-se ao longo de once filmes, que comezaron no derradeiro ano da década dos 70, en 1980, e remataron en 2003 con Freddy vs. Jason. En 2009, a produtora de Michael Bay, a Platinum Dunes, tentou recuperar a franquía cun reinício protagonizado por Jared Padalecki e Danielle Panabaker, pero este non tivo o éxito agardado.

A propriedade ficou atrancada nun lameiro legal durante os seguintes anos, até que por fin comezou a se deslear hai uns meses. O proxecto mais recente é a série de televisión precuela do guionista e produtor Bryan Fuller, Crystal Lake. Así e todo, o futuro da saga no cinema non está nada claro.

Nunha entrevista, Turek dixo: “Venres 13 é unha franquía perante a que me inclino. Encánta-me todo o que ten que ver con ela. E se puideramos vivir en ambos mundos, como o facemos con Halloween, daquela poder vivir en Crystal Lake por un tempo sería incríbel“.

Polo momento, a Blumhouse terá que agardar a ver se The Exorcist: Believer atrae ás audiéncias abondo como para se formular a posibilidade de resucitar tamén ao asasino Jason Voorhees.