O director xeral da Mattel, Ynon Kreiz, quen aínda está a gozar do recente éxito de Barbie, ven de dar a coñecer novos dados sobre o vindeiro proxecto da compañía, que será a adaptación cinematográfica do dinosáuro Barney, un xoguete para nenos que tivo un popular programa na tele dende 1992 a 2010.
Daniel Kaluuya (Get Out, Nope) participa na película, na que se pretende subverter as expectativas sobre o que podería ser un filme de Barney, do mesmo xeito que Barbie foi unha homaxe e unha sátira da boneca.
Segundo Kreiz, aínda é demasiado cedo para ser específico, pero seica tomarán “un enfoque fresco que será divertido, entretido e culturalmente orientado. Non será unha película estraña“.
A primeiros do ano, Kevin McKeon, executivo da Mattel Films, dixera que a película sería “surrealista” e que sería “realmente unha obra para adultos” e que exploraría o nivel de desencanto dentro da xeración “millennial” que medrou co persoaxe.
A Mattel aínda ten pendentes vários filmes en desenvolvemento baseados nos seus xoguetes: Hot Wheels con J.J. Abrams, Rock ‘Em Sock ‘Em Robots con Vin Diesel, Polly Pocket de Lena Dunham, un proxecto de Matchbox Cars e mais unha película do comandante Matt Mason protagonizada por Tom Hanks.