Sam moveu-se amodo sobre a gastada alfombra do seu salón, deténdo-se onde unha araña chimpaba sobre o escachado papel pintado na procura de comida. Era un ancián, dando a benvida á vida na súa escangallada casa; había tempo que perdera a noción de que estaba separado das plantas que se apertaban contra a súa casa, ou dos animais que vivían entre elas. Todas as portas e fiestras estaban abertas, coma sempre, e pasou por riba das rubideiras que se abrían paso até o seu salón e entrou no xardín. Facendo caso omiso das brillantes arañas que se arrastraban polas arañeiras, abriu-se paso entre as plantas e entrou na parte mais profunda, o lugar onde se sentía mais a gusto.
Colleu a súa vella cadeira de madeira e sentou fronte a un estraño cogomelo vermello que vira medrar dende había dous días. Canto mais o observaba, mais estraño lle parecía. O chapéu vermello medía medio metro, pero o estipe era do mais estraño. Canto mais o miraba, mais se fixaba nas pequenas caras de can que lle devolvían a ollada. E o chapéu semellaba tamén observa-lo a el.
Probabelmente ficara durmido, pero espertou decontado cando algo lle lambeu a man. Abriu os ollos e pestanexou várias veces tentando enfocar ao animal que tiña diante. Semellaba un can, pero o seu corpo era moi redondo e se sostiña sobre unhas patas longas coma pólas.
“O que es?”
O can volveu lambe-lo, con mais forza, e el lle fregou o pescozo.
“Non che asemellas a ningún can que vira antes”.
Daquela Sam notou que mais ollos o observaban dende a parte de abaixo do cogomelo. Unha criatura longa, semellante a un can, saíu arrastrándo-se. Semellaban seis cabezas unidas nun corpo alongado, e movía-se coas mesmas estrañas patas en forma de pau. Definitivamente non era normal, pero, curioso, deu-lles a benvida mentres mais criaturas saían vacilantes da espesa maleza.
“Dixen-cho”, dixo unha voz feminina atrás dunha criatura con cara de paxaro verde á súa dereita.
“Dixen-cho”. Unha voz masculina saíu dunha mata de mexacán.
“O que che dixen?” preguntou Sam, rañando a cabeza mentres tentaba ver de onde procedían as voces, e sospeitando que podía estar a perder a cabeza, coma suxerira sen amabilidade un dos seus veciños.
“Que aos Cans Longos da Compaixón lles gustaría”.
Unha muller pequena, duns dez centímetros de altura, apareceu por atrás da criatura de cara verde e pasou por baixo da mais longa das criaturas semellantes a cans longos, acariñando-lle o bandullo ao pasar.
“Os Cans Longos da Compaixón”, repetiu Sam mentres vía achegar-se á pequena muller.
Era un nome pouco habitual, pero lle pareceu axeitado. Mais das criaturas apertáron-se contra el fregándo-se contra as súas pernas.
“Así é. Teñen a cabeza un pouco branda”. Ergueu a man e fregou a un no pescozo; este tentou lambe-la. “Pero de bó carácter, sobre todo”.
“Por que compaixón?”, preguntou el.
“Naceron con compaixón pola vida”, respondeu ela.
Un homiño saíu de entre a herba e o seguiron outras criaturas. Algunhas semellaban un cruce entre paxaros, cans e plantas estrañas.
“E ti dixeches que nos daría a benvida”, dixo o home á muller diminuta.
“Así é”. Sam pensou en lle ofrecer unha cunca de té, pero non coidaba ter cuncas abondo pequenas. “O que sodes?”
“Somos trasnos”, dixo a muller pequena. “Eu son Mollie, e ese é o meu amante Ged”.
O homiño bosquexou un sorriso.
Eran directos. A Sam lle gustaba iso. “Eu son Sam”.
“Sabémo-lo”, dixo Mollie. “Observámos-te. Precisamos un lugar”.
“Precisamos algún lugar?” Sam fixo eco.
“Para os Cans Longos”, dixo Mollie.
“Non fican moitos lugares coma este”, dixo Ged.
“É verdade” .
Sam sabía que a súa casa era coma un oase no ordeado mundo onde vivían os demais, e sentiu unha momentánea tristura polo estado do mundo, pero axiña distraeu-se ao ver mais movemento ao redor do seu xardín. Moitas criaturas movían-se entre a maleza.
O primeiro can que o saudara, unha cousa verde coma unha folla, de corpo redondo e patas moi longas, volveu a o empurrar. Deu-lle unha palmadiña. O can verde movía unha longa cola semellante a un fento e lle daba poutadas coa súa pata semellante a unha poliña.
“Chamarei-te Fento”.
O cativo mirou ás uvas que viña de recoller. Ofreceu-lle unha e o can levou-na para a papar.
“Vexetariáns. Así é mais doado; hai moito para papar no xardín”.
Sam distraeu-se cun són da casa. Recordou que deixara a porta principal aberta.
“Sam?”
Fixo unha carantoña. Era o seu fillastro, Jack. A muller de Jack, Selina, xa se queixaba pola suxedade. Se Selina se saía coa súa, estaba seguro de que asfaltaría a metade do xardín de diante para lle deixar sítio para aparcar, e Jack recurtaría o resto até deixa-lo igual cós xardíns dos seus veciños. Cando Sam se volveu, os trasnos e mais os cans desapareceran. Abríu-se paso a través da maleza. Pensara en demoucar o xardín, pero ás veces era útil para manter afastados a certos veciños.
Jack e Selina estaban no salón.
“Desacougamos por ti, Sam”, dixo Selina mentres limpaba unha cadeira.
“Non vos preocupedes por min”.
“Sam, deberías propoñer-te vender e mudar-te nalgures mais pequeno onde poidan coidar de ti”, dixo Jack. “Es maior de mais para vivir só; xa non podes mais”.
Sacaban o tema á baila cada vez que viñan de visita.
“Encánta-me o meu xardín”.
“Ese é o problema”, dixo Jack.
“O que queres dicir?”
“Bob Bleacher chamou ao Concello. Queixou-se de que o teu xardín alberga alimárias”.
A Sam encolleu-se-lle o corazón. O seu veciño cría que o seu deber era vixiar a zona.
“Xa sabes como é. Montou tal escándalo que hoxe ven un inspector do Concello. Viñemos a axudar a amañar o xardín antes de que chegue”. Jack mirou aos árbores crecidos. “Realmente necesita unha demouca”.
Sam estivera por lle dar a razón no pasado, só para que calara, pero a ideia de que o seu fillastro pinchara o seu xardín era demasiado, sobre todo agora que coñecera aos Cans Longos.
“Sam, dalgún xeito, este lugar representa a túa mente”, dixo Selina. “É caótico. Necesitas orde na túa vida”. Ficou mirando a terra do chan. “Podemos axudar-te”.
“O meu xardín é unha reserva natural”, dixo.
Jack colleu a súa bolsa e saíu ao xardín polas portas francesas. “Selina ten razón en que isto representa unha fasquía malsán da túa mente. Ela estudou psicoloxía, sabes?”
“Mellor un xardín ca un deserto para unha mente”.
“Sabes que só queremos o mellor para ti”, dixo Selina.
Sam non estaba seguro de que o mellor para eles fora o seu. Buscaban o orden en cada parte das súas vidas; el amaba a riqueza da vida que empurraba e se axitaba ao seu redor.
Jack tentou facer retroceder unha póla dunha das figueiras silvestres, pero era forte e se lle partiu na cara.
“Esa hai que curta-la antes”, dixo.
Selina sorriu ao seu home e volveu entrar.
Sam ficou só, preguntándo-se o que facer. Estaba canda o pasadizo secreto cara ao cogomelo vermello. Estaba decidido a non deixar que o destruíran, e lle preocupaban os cans. Considerarían-os alimárias? Escapulíu-se entre a maleza e os sóns de Jack demoucando a figueira desapareceron. Estaba de novo na natureza. Ao redor do cogomelo grande medraban cogomelos vermellos mais pequenos. Os ollos do chapeu vermello abriron-se e o observaron mentres sentaba na súa cadeira. Un deles xurdiu da follaxe. Tiña cabeza de can, peluxe marrón e ollos adorábeis, pero o corpo era redondo, con plumaxe de paxaro, e as patas eran coma paus. Correu cara el con entusiasmo e fregou-se nas súas pernas. Acariñou-lle a cabeza, feliz por un momento.
Ged e Mollie saíron de atrás do cogomelo vermello, seguidos por un can moi longo con moitas cabezas, cada unha conectada a outra, e todas mirándo-o. Este can longuísimo acariñou-lle co fouciño mentres se enroscaba ao redor das súas pernas.
“Por que deixas que interfiran?” preguntou Mollie.
“Son a única família que teño. O que podo facer?”
“Fai-te valer”. Cando Sam gardou silenzo, ela continuou. “Non coido que entendas a túa importáncia”.
“Só son un vello”, dixo Sam.
“Forneceches un santuário para a vida – para os Cans Longos da Compaixón”, dixo Mollie.
Sam mirou ao can redondo coa plumaxe dun paxaro e preguntou-se como podía considerarse longo.
“Mesmo os baixiños son Cans Longos”, dixo Ged.
Sam ergueu as cellas. E daquela, tivo a estraña sensación de que o trasno podía lér-lle a mente. “Pero o redondo é curto, e o can que semella unha folla verde case non é un can”. Cando o mirou, coidou que case semellaba un bufo.
“Sam”, dixo Ged, “os teus ollos non poden ver o que é real. O teu mundo é un mundo de ilusións. Pero se pasas tempo cos Cans Longos, eles empezarán a aprender-te. Son conectores”.
Sam engurrou as cellas mentres tentaba comprender.
“Conectan-se entre si”. Mollie soltou unha risiña.
“E conectan a calquera que estea preto deles coa natureza”, dixo Ged.
Sam o desexaba, pero o curte das tesoiras devolveu-no á realidade.
“Hai mais dunha realidade”, dixo Ged.
Agora Sam estaba seguro de que os trasnos podían lér-lle a mente.
Mollie riu. “En certo modo, estás aberto a nós, Sam”. Ela fitou-no cos seus brillantes ollos esmeralda.
Acariñou ao longuísimo can que se enredara ao redor das súas pernas e que agora tentaba face-lo caer de novo mentres as últimas cabezas tentaban alcanza-lo. Acariñou-nas, preguntándo-se como era posíbel, como podía sentar no seu xardín traseiro fronte a un cogomelo vermello xigante falando cun par de trasnos e acariñando aos cans mais estraños que nunca vira. Pero así era. E era mais divertido que falar con Jack e Selina.
A vexetación atrás del estalou, e mentres os Cans Longos se escapulían entre a maleza, Sam decidiu retomar o control da súa vida, pero dubidou cando viu a un home de pé atrás do seu fillastro.
“Aquí tes”, dixo Jack. “Este é o home do Concello”.
Sam ergueu a vista. O home semellaba bastante amigábel. Sam só esperaba que non dera atopado aos cans; non tiña nin ideia do que faría con eles.
“Non demorarei moito. Só teño que comprobar a maleza. É moi espesa, nonsí?”
“Hoxe estou a axuda-lo a demoucar o xardín”, dixo Jack. “Se cadra vosté podería comezar a súa inspección no outro lado. Iso dará-me a oportunidade de facer un camiño a través desta selva para vostede”.
Sam sentiu-se aliviado cando o home seguiu o consello do seu fillastro.
Jack e Selina escorreron-se entre a vexetación. O seu fillastro ficou coa boca aberta cando viu o cogomelo xigante. “O que é iso?”
“Un cogomelo”.
“Probabelmente sexa tóxico”, dixo Selina. “Non-o toques!”
“Hai mais deles”, dixo Jack, mirando baixo a grande tapa vermella. “Hai que destruí-los”.
“Non-os toques”, dixo Sam.
“Algo se move”, dixo Selina mentres se agachaba e miraba entre a maleza. “Ooh!” Afastou-se axiña dos cogomelos. “Bichos!”
“¡Shh! Selina”, dixo Jack, mirando na dirección do inspector.
“Non son alimárias”, dixo Sam.
Jack engurrou o cello. “Ratas. Sam, isto é sério. Hai que extermina-las. Fitou aos Cans Longos, que na súa maioría estaban agochos entre a maleza.
Sam pensou no que lle dixeran os trasnos sobre non ver o mundo tal e coma era, e preguntou-se o que vería o seu fillastro.
“A miña casa e o meu xardín, e todo o que hai neles, están baixo a miña protección”, dixo. Sentiu que un dos cans lle empurraba as pernas.
“O que estás a facer?” preguntou Jack.
“Nada”, dixo Sam, poñendo-se en pé. Este Can Longo en particular estaba oculto á vista pola longa herba.
“Por que sempre es tan difícil?” dixo Selina. Logo deixou de falar e fixou ollando á maleza. “Jack? Sinalou. “Aí tamén hai algo!”
O can redondo e verde chimpou de debaixo do cogomelo vermello, e Selina gritou.
Jack berrou e lle mandou unha patada ao can, que tiña o tamaño e a forma dun globo pequeno e brando. O can apartou dun chimpo e Jack deu a couce ao cogomelo vermello, que explotou nunha nube de esporas. Sam sentiu-se mareado decontado, pero Jack e Selina estaban cubertos de esporas. Tusiron e cambalearon cara adiante.
“Isto podería ser velenoso”, dixo Selina con voz rouca.
“Non-o deberías ter pateado”, dixo Sam. Mais cans saíron silandeiros da maleza. “Son inusuais”, dixo Sam. “Pero non perigosos”. Un dos cans longos e de moitas cabezas correu cara ela batendo o rabo, seguido dun can de follas verdes. Selina caeu nun banco de estrugas.
Daquela decatou-se de que os ollos abriran-se nos cogomelos mais pequenos. A Sam desacougába-o que as cousas se estiveran a descontrolar. Un can verde redondo con patas coma poliñas achegou-se a ela, berrou, ergueu-se e tropezou con Jack.
“Abonda!” berrou Sam, agora anoxado polo que lle estaban a facer ao seu xardín. Mais das pequenas criaturas correron cara Sam come se buscaran protección.
“Colle un anaco de cogomelo, pero non respires o po”, dixo Ged. Nin Jack nin Selina semellaron reparar no trasno, senón que ficaron ollando aos Cans Longos que corrían entre a maleza.
Jack estaba a ter reservas sobre as diminutas criaturas, pero fixo o que lle suxeriu o trasno. Contivo o alento e recolleu un fragmento do chapeu vermello orixinal.
“Deberías vir connosco”, dixo Jack. “Non é nin seguro nin responsábel deixar-te só aquí”. Colleu o brazo de Sam.
“Esmiúza o chapeu e sopra cara eles”, dixo Ged.
“Por que?” preguntou Sam.
“Fará que marchen. Lembra contér o alento”.
Sam seguía inseguro, pero cando Jack tirou del, o seu puño pechou-se no chapeu.
“Solta iso”. Jack tratou de lle quitar o chapeu crebado da man, pero Sam tropezou, enviando unha nova nube de esporas á face de Jack.
“Deixa iso!” Selina ergueu a voz e correu cara eles, directa á nube de esporas. Decontado comezou a tusir.
O inspector abriu-se paso entre a vexetación e camiñou directamente cara a nube. Folguexou ao inhalar una bocalada das esporas. As súas faces lle pareceron estrañas a Sam, e deu un paso atrás, mirando-lles cambalear e logo caer moi amodo ao chan. No se sentiu el mesmo e sentou pesadamente na súa cadeira de madeira e observou o xardín movendo-se ao seu redor. Percibiu a presión das frondosas plantas ao agromar excitadas da terra. Se cadra o po de cogomelo tamén lle fixera algo; fora o que fose, sentiu-se relaxado. As córes do xardín alteraran-se e pareceu-lle ver fíos de enerxía que desaparecían entre a maleza.
***
Sam espertou sentindo-se moito mellor. Pero daquela veu os pálidos corpos de Selina, Jack e do inspector tendidos sobre os restos do cogomelo vermello. Aínda que lle anoxaban, non lles desexaba ningún mal. Sacudiu-nos e se lle afundiu o estómago: os corpos estaban fríos.
“Non están mortos”, dixo Mollie. “Probaron o cogomelo vermello”.
Sam notou as miradas de terror nos ollos de Jack e Selina.
“Axiña estarán mortos, por suposto”.
“O que?” O trasno se lle quedou mirando. Non estaba seguro de se estaba a chancear, pero o seu rostro era sério. “Podes axuda-los?”
“Ged dixo-me que es tan brando coma os Cans Longos”, dixo Mollie.
“Son o que son”.
“Igual cós cans”, dixo ela. “Pide-llo a eles. Eles te axudarán”. Os seus brillantes ollos verdes semellaban escintilar mentres se adentraba na maleza.
“Como podo preguntar-lles?”
“Pide-o”. As palabras non se pronunciaran en voz alta, pero a voz do trasno resoou na súa mente.
“Os meus cans”. Agardou. “Cans Longos da Compaixón”.
Escoitou-se un estalo entre a maleza e o can mais longo correu cara el seguido de Fento.
“Axudade-me”, dixo.
Fitaron cara el. Daquela Fento chimpou e lle lambeu a man.
“Quero dicir que me axudes con eles”. Sinalou aos corpos entre a maleza.
“Concentra os teus pensamentos”, dixo Mollie.
E iso foi o que fixo. En silenzo dirixiu-se aos dous cans, formando na súa mente unha imaxe de Jack, Selina e o inspector. “Acudide-lles!”
Os dous cans se volveron cara os corpos e os olfactearon. “Por favor, acudide-lles!”
Os cans trabaron os corpos.
“Iso non!”
Sam tentou aparta-los, pero os cans seguiron trabando. Estrañamente, non había sangue.
O inspector incorporou, fregou a cabeza e acariñou distraidamente a un dos cans. Sam non estaba seguro do que vira, pero non cría que fora o mesmo ca el. Notou que Ged sorría dende atrás das centáureas que plantara o ano pasado.
“Sinto-me mareado. O que aconteceu?”
“Todos decidiron tomar un descanso”, dixo Sam. Non se lle ocorreu ren mais que dicir.
“Sinto-me o mais relaxado que me sentín en anos”. O home estudou o can que se empurraba contra del. “Esta é unha raza inusual”.
“É o”, dixo Sam. “Chama-se can longo”.
O home riu. “É un nome estraño. Non é particularmente longo”.
Sam ficou ollando ao can, que estaba formado por cinco cabezas en fileira, cada unha xogando coa seguinte, e decatou-se de que definitivamente non estaban a ver o mesmo.
O home ergueu-se. “Ben, aquí non hai bichos. Non desacougue polo seu veciño, as súas queixas son ben coñecidas no Concello”. Rañou a cabeza e mirou ao can. “Estiven a pensar en adoptar un can. Se esta ten algún cadelo que non queiras, fará-mo saber?
“Por suposto”, dixo Sam, encantado. O home atopou a saída por si mesmo.
Daquela Jack sacudiu-se, e vários segundos despois incorporou. Berrou cando viu ao can verde redondo trabando-lle a perna e ergueu-se cambaleando-se. Selina abriu os ollos e berrou. Cando o can longo lle deu unha dentada con cada unha das súas múltiples cabezas, ergueu-se.
“Onde está o inspector?” preguntou Jack.
“Non atopou ningunha alimária e marchou”.
Selina pestanexou mentres ollaba aos cans. Sam preguntou-se o que vería. Tanto ela coma o seu home retrocederon.
“Este lugar é raro!” dixo ela.
“Non esperes que volvamos para axudar co teu xardín”, dixo Jack. “Fixemos todo o que puidemos”.
“Sodes benvidos a nos visitar”, dixo Sam, “pero non a manexar a miña vida ou o meu xardín”.
Eles saíron decontado do xardín.
Sam nunca imaxinara sería tan doado pór fin á súa axuda, pero sabía que non-o podería facer sen os Cans Longos. Oíu pechar a porta principal e o coche acelerar polo camiño. Sorriu cando Fento lle empurrou a perna e sentiu-se mais ledo do que estivera en moito tempo.
Mollie e Ged apareceron de entre a herba.
“O que pasará cos Cans Longos?” preguntou Sam.
“Encanta-lles o seu novo fogar”, dixo Ged.
Sam alegrou-se de lles dar a benvida.
“Foron creados para conectar”, dixo Mollie. “Xa comezaron o seu traballo”.
“O inspector?”
Sorriu.
“E ti?” Preguntou Sam.
“Os trasnos tamén teñen traballo”.
Sam sentiu-se un pouco triste perante a ideia de non volver a ve-los. Polo menos tiña aos cans.
“Es tan sentimental coma o can brando”, dixo Mollie mentres seis dos Cans Longos reunían-se ao redor de Sam. “os nosos camiños aínda están por decidir. Quen pode estar seguro de que non volverán a se cruzar?”
Ged asentiu. Tiña un brillo nos ollos e un sorriso para Mollie. Deu-lle un bico na meixela. “A nosa tarefa está feita”.
E antes de que Sam puidera falar, os trasnos desapareceran entre a longa herba.