Stewart aínda quere un filme de Picard

283

A terceira e derradeira tempada de Star Trek: Picard agradou moito aos fans ao facer un final no que todos os membros da tripulación do USS Enterprise se reuniron e deron por concluídas as súas aventuras, algo que Star Trek: Nemesis non puido ofrecer no seu día.

Así e todo, hai un dos protagonistas que non está satisfeito. O actor Patrick Stewart, o capitán Jean-Luc Picard, indicou que non está listo para se despedir do seu papel e quere facer unha derradeira película, na que a súa mascota, un perigoso can da raza “pit-bull”, teña mais presenza nas pantallas, tal e coma aconteceu no primeiro episódio da série, onde mata a un paxaro.

Stewart, de 83 anos, ven de publicar Making It So, un libro coa súa autobiografía, no que expresa o seu desexo de continuar actuando: “Estou premendo suavemente á Paramount para que nos deixe facer unha película mais de Picard. Non unha película da Nova Xeración, porque xa fixemos catro. Sería unha expansión e afondamento no universo tal e como o vimos en Star Trek: Picard. Falei-no con Jonathan [Frakes], Brent [Spiner] e LeVar [Burton], e todos están de acordo. Jonathan é a miña primeira opción para dirixi-la“.

Porén estes comentários chegan nun momento no que a franquía de Star Trek semella estar a recortar e non a ampliar a súa pegada. A série Star Trek: Legacy non semella posíbel nestes intres, Star Trek: Prodigy foi cancelada e o futuro de Star Trek: Lower Decks está pendente dun fío.