En xestación unha série de Cyberpunk 2077

171

A compañía de videoxogos CD Projekt Red ven de chegar a un acordo coa Anonymous Content para desenvolver unha série de televisión de acción real ambientada no universo do seu xogo Cyberpunk 2077. A série, que aínda se atopa nos seus primeiros chanzos de produción e está á procura dun guionista, contará unha história totalmente nova, pero ambientada no mundo da franquía orixinal.

A série de televisión desenvolverá-se en estreita colaboración coa equipa creativo de Cyberpunk 2077, así coma con executivos clave da Anonymous Content Studios, coma David Levine, quen foi xefe de drama na HBO durante mais de dez anos, supervisando séries de éxito coma True Detective e Westworld.

O videoxogo ten lugar en Night City, unha megalópole impulsada polo poder, o glamur e a modificación corporal. Un foraxido mercenário chamado V busca un implante único na súa espécie que é a chave da inmortalidade.

CD Projekt Red, que tamén é responsábel da saga de The Witcher, perseverou nesta aventura de acción e mundo aberto que, mália os desastrosos erros que sufriu no seu lanzamento, foi logo corrixida e gabada polos seus innovadores gráficos. O título leva vendidos mais de 25 millóns de cópias a día de hoxe.

Tanto Keanu Reeves coma Idris Elba interpretan persoaxes no xogo que se asemellan a eles mesmos, o que deixa por suposto aberta a pregunta de se estes actores aparecerán na série, facendo os seus papéis de Johnny Silverhand e Solomon Reed.

A CD Projekt Red xa levara este mundo á televisión coa adaptación ao anime do ano pasado Cyberpunk: Edgerunners, que serviu de precuela ao xogo.