A Marvel Studios está por lle dar unha volta de rosca completa á súa série Daredevil: Born Again, cando se levaban rodados menos da metade dos dezaoito episódios previstos. A produción xa tivo que deter-se en xuño por mor das folgas.
Así e todo, xa se rodara abondo como para que o xefe da Marvel, Kevin Feige, e outros executivos se decataran de que a série non estaba a funcionar. Seica os guionistas crearan unha série de avogados que non se semellaba en nada á Daredevil orixinal da Netflix, e de feito, o seu protagonista Charlie Cox nin sequera se viste o uniforme de superheroe até o cuarto episódio. Polo tanto a finais de setembro os guionistas Chris Ord e Matt Corman foron despedidos, xunto cos directores previstos para o resto da tempada.
Agora a Disney está á procura de novos guionistas e directores para o proxecto, co obxectivo de levar adiante unha salientábel renovación creativa. O plan é mantér algunhas escenas e episódios xa rodados, pero reformar por completo todo o demais. Corman e Ord continúan a bordo coma produtores executivos.
A consecuéncia é que xa non se sabe cando se poderá estrear a série.
Esta decisión da Marvel Studios de todos os xeitos non afectará só a Daredevil: Born Again senón ao resto dos proxectos que están aínda en produción. Até agora, os estudos adoptaran un xeito de producir séries de televisión moi semellante ao que teñen para o cinema: o proxecto está aprobado dende o comezo, fica rodado totalmente sen facer episódios piloto, non ten showrunners e as ideias dos guionistas son ignoradas unha vez comeza a rodaxe. Isto leva a que moitas veces haxa que regresar aos estudos para filmar novas escenas, incrementando por suposto os custes.
Após do estrondoso fracaso de Secret Invasion e mais os problemas con Moon Knight e She-Hulk: Attorney at Law, os plans son que os vindeiros programas conten cun showrunner de seu que escriba o piloto e que teña unha bíblia para o resto, así coma traer a executivos expertos na televisión, no lugar de usar aos do cinema.
Polo de agora o único que se pode agardar é o remate das séries limitadas e mais o incremento das séries contínuas ou con múltiples tempadas, coma Loki.