Keith Giffen, o guionista e debuxante de cómics co-creador de persoaxes coma Lobo, Rocket Raccoon, Maxwell Lord ou Jaime Reyes (Blue Beetle), finou o pasado luns aos 70 anos de idade por mor dun derrame cerebral que sufriu o domingo. Seguindo os desexos da súa família, a nova non se deu a coñecer até onte na súa páxina de Facebook.
Giffen era un mestre do cómic dende había case cincuenta anos, coñecido sobre todo grazas ao seu traballo na Liga da Xustiza e mais na Lexión de Superheroes, os persoaxes mais emblemáticos da DC, pero no seu primeiro ano no mundo dos cómics en 1976 xa creara ao Rocket Raccoon xunto a Bill Mantlo para a Marvel Preview.
A principios dos oitenta pasou-se á DC, onde traballou canda Paul Levitz, escribindo e debuxando Legion Of Super-Heroes. Este esforzo foi recompensado con outro encargo de mais responsabilidade: a Liga da Xustiza de América, na que Giffen eliminou por primeira vez a postila “de América”, converténdo-a na Liga da Xustiza Internacional, e creando asemade a Liga da Xustiza de Europa.
Esta etapa, xunto a J.M. DeMatteis e Kevin Maguire, fixo rexurdir á Liga da Xustiza, mesturando humor e acción dun xeito que nunca se vira antes no mundo dos cómics. Giffen levou á comédia mesmo mais lonxe en Ambush Bug, pero o seu seguinte grande éxito foi creando ao mercenário extraterrestre Lobo, unha paródia dos persoaxes ultra-violentos que se estaban a pór de moda.
Ao longo dos seguintes anos Giffen traballou en títulos propiedade de distintas editoriais, coma Woodgod, All Star Comics, Drax the Destroyer, Heckler, Nick Fury’s Howling Commandos, Reign of the Zodiac, Suicide Squad, Trencher, T.H.U.N.D.E.R. Agents e Vext. Foi responsábel da adaptación dos mangas xaponeses Battle Royale e Ikki Tousen, así coma da creación de I Luv Halloween para a Tokyopop, e traballou para a Dark Horse de 1994 a 1995 na súa liña Comics Greatest World/Dark Horse Heroes. Para a Valiant Comics, Giffen escribiu X-O Manowar, Magnus, Robot Fighter, Punx e mais o derradeiro número de Solar, Man of the Atom.
Durante moitos anos tomou un descanso da indústria do cómic e fixo “storyboards” para a televisión en séries coma The Real Ghostbusters. Porén o seu regreso á DC sería por todo o alto, en 52 e en Countdown To Final Crisis, e nos últimos tempos na Marvel escribiu histórias de Thanos, Drax, Silver Surfer e Star-Lord.
Giffin era coñecido por cambiar decote o seu estilo artístico, imitando a artistas coma Alex Toth, George Pérez, Jim Starlin, Jack Kirby ou o arxentino José Muñoz.