Un mes e médio despois de que a Disney+ decidira abandoar a adaptación a série de acción real de The Spiderwick Chronicles, os libros de fantasía infantil de Tony DiTerlizzi e Holly Black, o proxecto ven de ser adquirido pola Roku.
A Paramount Television Studios e a 20th Television xa rodaran e completaran a produción de oito episódios cando Disney optou por non seguir adiante, para recurtar gastos e porque seica estaban desacougados polo ton “sinistro” da série.
A Paramount decidiu ofrece-la a outros posíbeis compradores e a Roku ofreceu o mellor prezo, polo que os seus plans agora son estrea-la a primeiros de 2024 na súa plataforma The Roku Channel.
A história vai sobre a família Grace, que se muda a unha casa ancestral en ruínas e comeza a desentrañar un escuro mistério sobre e seu tío tataravó, quen descubriu un mundo de fadas paralelo ao noso.
A nova série combina un relato de madurez con aventuras fantásticas e está protagonizada por Jack Dylan Grazer, Lyon Daniels, Noah Cottrell, Joy Bryant, Mychala Lee e Christian Slater. A Nickelodeon e a Paramount xa adaptaran a propriedade nunha película de 2008.