Case trinta anos despois da súa estrea, a relembrada série de debuxos animados dos anos 90 Gargoyles regresará, pero esta vez con acción real.
O guionista e produtor Gary Dauberman (IT, The Nun) e mais o selo Atomic Monster de James Wan, que xa traballaron xuntos nas películas de Annabelle e na efémera série Swamp Thing, están atrás desta adaptación para o servizo de streaming da Disney+.
Dauberman escribirá, producirá e dirixirá a série, e a Atomic Monster tamén se encargará da produción executiva.
Actores coma Keith David, Ed Asner e Jonathan Frakes prestaran as súas voces aos protagonistas da série orixinal, que se estreou en 1994 e durou tres tempadas, cun total de 78 episódios sobre un clan de gárgolas transplantadas do século X aos nosos tempos.
Na Idade Média, a maior parte do clan fora asasinada e os superviventes foran enmeigados, ficando conxelados en pedra até que o seu castelo se erguera por riba das nubes. Daquela, un multimillonário compra o castelo e o traslada e reconstrúe no alto do seu rañaceos en New York, espertando con elo ás criaturas do seu soño. As gárgolas deberán protexer a cidade e aos seus habitantes de diversos desafíos sobrenaturais.
A Disney xa tentara desenvolver unha adaptación ao cinema hai cousa de dez anos, pero o proxecto non saíu adiante. A comezos deste ano, o creador da série, Greg Weisman, rexeitou o rumor de que Kenneth Branagh ía dirixir unha nova longametraxe.
Dauberman é ademais o guionista e director da vindeira adaptación ao cinema da clásica novela de terror Salem’s Lot de Stephen King, que está xa rematada e agardando unha data de estrea por parte da Warner Bros. Pictures.