Os actores de Game of Thrones Kit Harington e Mark Gatiss volverán a traballar xuntos, esta vez nunha série da BBC que adaptará para a tele un conto do clásico escritor inglés Arthur Conan Doyle, o pai de Sherlock Holmes.
Gatiss, que xa ten experiéncia adaptando a Doyle, porque fixo de Mycroft Holmes na popular série Sherlock da BBC xunto a Benedict Cumberbatch, esta vez non será o protagonista, senón que escribirá o guión, baseado no conto Lot No. 249.
Freddie Fox coprotagoniza a história, que xira ao redor dun grupo de estudantes de Oxford, un dos cales emprende unha investigación sobre os segredos do Antigo Exipto, e axiña converte-se no dixomedíxome da universidade.
Poderán os seus experimentos dar realmente vida á horripilante bolsa de ósos que é o misterioso lote número 249? O conto de terror sobre mómias continúa a tradición anual de Gatiss de escribir e dirixir unha história de pantasmas en nadal. Nun comunicado dí:
“É un grande pracer para min adentrar-me de novo na brillante obra de Sir Arthur Conan Doyle, esta vez para a história de pantasmas de Nadal. O lote nº 249 é o meu conto persoal favorito e é o avó (o debería ser a mómia?) dun tipo particular de contos de medo de fin de Império: un fío arrepiante cheio de sustos espantosos e de quen sabe o que, que axexa no armário vitorián“.
A compañía Adorable Media producirá a série, que chegará ás pantallas da BBC Two este nadal.