O debuxante de storyboards reconvertido en director de animación Jay Oliva (Justice League: The Flashpoint Paradox, Batman: The Dark Knight Returns) dirixirá a película de debuxos animados en 3D The White Tower, ambientada no mundo de The Wheel Of Time.
Inspirado na emblemática série de novelas fantásticas de Robert Jordan, o filme será unha história orixinal e independente situada no mesmo universo cós libros, e desenvolverá-se nunha época anterior á serie principal de acontecementos, que están a ser adaptados á tele na série de acción real The Wheel Of Time da Amazon Prime Video.
A torre branca do título é unha construción que aparece regularmente na série da Amazon, e é utilizada pola misteriosa irmandade Aes Sedai coma capital, residéncia, escola e fortaleza.
A iwot Productions e mais a Squeeze Studios traballarán conxuntamente para produciren este proxecto, que se presenta coma unha aventura de acción sobre unha rapaza cun don especial cuxa vida cámbia para sempre cando as forzas do mal visiten a súa aldea na montaña.
Ao se atopar soa nun mundo perigoso, a rapaza debe ir á Torre Branca para aprender a utilizar os seus poderes máxicos e salvar deste xeito á súa família e amigos. Rebelde e desconfiada, aprenderá que a amizade pode ser un arma tan poderosa contra o mal coma calquera forma de máxia.
O filme está aínda en fase de xestación pero conta xa cun guión orixinal de Zack Stentz, o responsábel de Thor, e a súa produción está prevista para comezar nos primeiros meses de 2024. Stentz, Rick Selvage e Larry Mondragon son os produtores.