A lúa rebelde chega aos cómics

574

A vindeira película épica de aventuras espaciais de Zack Snyder, Rebel Moon, contará cunha série de cómics precuela titulada Rebel Moon: House of the Bloodaxe que publicará a editorial Titan Comics.

O cómic afondará na história da família Bloodaxe, as súas loitas persoais e familiares, e nos diversos conflitos aos que se enfrontaron antes dos acontecementos que se verán nas dúas películas. Nestas, os Bloodaxe son os irmáns foraxidos Darrian (Ray Fisher) e Devra (Cleopatra Coleman), recrutados pola Kora de Sofia Boutella para loitar contra a tiránica Mundo Nai.

O cómic presenta-se coma unha traxédia shakesperiana que ten lugar cinco anos antes dos acontecementos que veremos na primeira película. A guerra ameaza ao planeta de Shasu e obriga ao líder do clan a sufocar as rifas e a determinar se seguir os brutais pasos de seu pai ou traballar pola paz.

Mags Visaggio, guionista nominado ao prémio Eisner en 2017, é o responsábel do cómic, que conta con debuxos do artista inglés Clark Bint. Este traballo será unha parte de todo un universo que Snyder quere ampliar alén dos filmes. Entre outros, tamén están xa previstos un videoxogo e mais un xogo de rol.

A primeira entrega, Rebel Moon Part 1: A Child of Fire, estreará-se na Netflix o 22 de decembro, e terá unha duración de 133 minutos. Rebel Moon Part 2: The Scargiver deberá agardar até abril.