A Warner Bros. Animation ven de anunciar The Day the Earth Blew Up: A Looney Tunes Movie, a primeira longametraxe de debuxos animados dos Looney Tunes creada especificamente para a súa estrea nas salas de cinema.
O porquiño Porky e mais o pato Daffy converterán-se nos inesperados heroes e na derradeira esperanza da Terra perante a ameaza dunha invasión alieníxena. Esta comédia de ciéncia-ficción e aventuras, segundo a Warner, ofrecerá “os habituais chistes esmendrellantes e mais os vibrantes efectos visuais da marca, todo elo a unha escala épica nunca vista na franquía“. A GFM Animation porá á venda o filme no American Film Market, onde se agarda poder ver xa as primeiras imaxes a partir do luns.
Sam Register, presidente da Warner Bros. Animation e da Cartoon Network Studios, afirma nun comunicado:
“Os nosos artistas crearon unha incríbel película dos Looney Tunes que continúa a tradición cinematográfica de cando o público namorou-se por primeira vez destes persoaxes. A GFM Animation é o parceiro perfecto para nos axudar a devolver a Porky e Daffy ao lugar que lles corresponde na pantalla grande“.
Pete Browngardt dirixe o filme, que conta coa equipa responsábel da série Looney Tunes Cartoons estreada en 2020. Seica a película está nunha fase avanzada de produción e a ideia é te-la rematada no decurso do segundo trimestre do ano que ven.