Dario Scardapane (Tom Clancy’s Jack Ryan, The Punisher) será o novo showrunner de Daredevil: Born Again da Marvel Studios, no que se entende é o comezo da anunciada renovación creativa da série.
Ademais, os realizadores de Synchronic e The Endless, Justin Benson e Aaron Moorhead, que veñen de dirixir episódios da segunda tempada de Loki e anteriormente de Moon Knight, foron contratados para se encargar de todos os episódios de Daredevil que aínda están por rodar.
A série protagonizada por Charlie Cox e Vincent D’Onofrio atopaba-se en proceso de produción en New York cando a folga de actores obrigou a premer o botón de pausa. Pero despois de revisar a metraxe xa rodada, os executivos da Marvel decidiron tomar unha nova dirección que seica estará mais en liña coa série orixinal da Netflix.
O resultado foi que Chris Ord e Matt Corman, os guionistas principais, foron despedidos. Scardapane pola súa banda fará unha función de showrunner que até agora non existía nas séries da Marvel.
A Marvel manterá en todo caso moitas das escenas e episódios xa rodados, pero inxectará ao mesmo tempo novos elementos de acción. Scardapane escribirá o resto de episódios novos e ademais adaptará as escenas xa rodadas para incorpora-las aos novos.
Nun principio o encargo orixinal fora por dezaoito episódios, pero agora non está claro cantos abranguerá a tempada.