O regreso de Chuck Norris

76

A icona de acción dos anos 90 Chuck Norris e mais o veterán dos 80 Marc Singer, protagonista da relembrada série de invasión extra-terrestre V, regresarán ás pantallas con Agent Recon, un filme de ciéncia-ficción de acción militarista producido pola Quiver Distribution e que ven de rematar a súa rodaxe.

Norris interpreta a Alastair, comandante dunha forza de seguridade terrestre, que chama ao novato superpoderoso Jim (Derek Ting) para que participe nunha misión dirixida polo curtido coronel Green (Singer) e os seus experimentados marines. O seu obxectivo é rastrexar unha misteriosa perturbación enerxética nunha base de New Mexico que suxire que están a experimentar con tecnoloxía alieníxena.

A equipa atopa un ser descoñecido que posúa unha forza e velocidade extraordinárias, e que ademais pode controlar a guerreiros sen mente. Os nosos heroes deberán loitar contra hordas imparábeis para descubrir a verdade que se agocha tras a fortaleza álien e evitar a desaparición da humanidade.

Ting escribe e dirixe a película, na que Dakota, o fillo de Chuck Norris, coreografía todas as secuéncias de loita de seu pai. O filme, que por suposto non conta coa aprobación do sindicato de actores, con cuxa folga Norris está en total desacordo, supón o regreso do emblemático actor ao cinema, no que non aparecía dende Expendables 2 en 2012.

Ting e Joyce Yung producen o proxecto, que ten previsto vender-se no decurso do American Film Market e estrear-se ao longo de 2024.