A Amazon MGM Studios e mais a Amblin Television veñen de comezar o desenvolvemento dunha versión para a tele da emblemática longametraxe de terror de 1982 Poltergeist.
Polo de agora non hai ningún guionista vencellado ao proxecto de série, que só conta con Darryl Frank e Justin Falvey coma produtores executivos. Tampouco hai detalles sobre a história polo momento.
A película orixinal narraba a história da família Freeling, que se muda a unha nova casa e descubre que está infestada de pantasmas. Despois de que estas secuestren á súa filla, os Freeling piden a axuda de Tangina, unha médium espiritual.
O filme fora un grande éxito na data da súa estrea, e recadou ao redor de 120 millóns de dólares en todo o mundo a partir dun orzamento inicial de 10 millóns. Ademais deu orixe a dúas secuelas, que xa non foron tan ben recibidas, e mais a un relanzamento en 2015 que tampouco foi do agrado da crítica.
Esta sería a segunda série de Poltergeist despois de Poltergeist: The Legacy, emitida a finais dos anos 90 na Showtime e no Sci-Fi Channel. O proxecto supón un novo intento da Amazon de adaptar a propiedade intelectual mais salientábel da MGM, á que mercou hai un par de anos, e ven sumar-se á nova versión doutra franquía moi popular, a de Robocop.