A saga de The Legend of Zelda da Nintendo é un deses videoxogos dos que todo o mundo oíu falar e que xa forman parte da moderna consciéncia colectiva, pero poucos puideron ver realmente porque nunca foi oficialmente adaptado a outras plataformas. Agora iso vai cambiar porque a Nintendo ven de anunciar os seus plans para desenvolver unha adaptación ao cinema con acción real da devandita franquía.
O realizador responsábel de The Maze Runner, Wes Ball, será o encargado de sentar na cadeira de director. O seu proxecto mais recente é Kingdom of the Planet of the Apes, cuxa estrea está prevista para o ano que ven. E Derek Connelly, guionista da triloxía de Jurassic World, de Kong: Skull Island e mais de Pokémon: Detective Pikachu, será quen escriba o filme.
A série de xogos segue as aventuras de Link, o valoroso mestre espadachín heroe do reino de Hyrule, onde vive a princesa Zelda. Nas súas aventuras, Link loita contra o señor escuro Ganondorf, quen quere apoderar-se dunha relíquia sagrada chamada a Triforza.
Este proxecto contará co financiamento da Nintendo e da Sony Pictures Entertainment Inc. A Nintendo achegará mais da metade dos cartos necesários, despois de que o seu filme The Super Mario Bros. Movie sobrepasara os 1.300 millóns de dólares de recadación, que o converten na película de maior éxito deste ano. Iso si, o produtor Shigeru Miyamoto advirte que “levará algún tempo até que estea completada, así que espero que esteades desexando ve-la“.
Pola súa banda, o videoxogo The Legend of Zelda: Tears of the Kingdom non só é o máximo candidato a se facer co prémio de mellor videoxogo do ano, senón que leva xa vendidas mais de 19 millóns de cópias dende que apareceu o pasado mes de setembro.