O cantante da mítica banda de rock Iron Maiden, Bruce Dickinson, será o protagonista da comédia de terror Bjorn of the Dead. A história segue a Bjorn, cantante da banda tributo a ABBA ABBAtoir, e aos seus compañeiros Benny, Anni-Frid e Agnetha.
O grupo pasa os fins de semana interpretando clásicos da música disco en locais deprimentes, desde residéncias de maiores a pubs baleiros, así que optan por participar nun concurso de bandas tributo nun club nocturno. Porén pouco despois de chegar, atopan-se atrapados xunto a outros grupos tributo xusto cando vai comezar o apocalipse.
Bjorn e a súa banda deberán traballar xuntos para se salvaren a si mesmos, á humanidade e ao futuro da música. Agárda-se que a película conte con numerosos cameos do mundo do rock e o heavy metal.
A realizadora de Slaxx, Elza Kephart, dirixe o proxecto a partir dun guión de Austin Dickinson baseado nunha ideia argumental co-creada por Andrew Prendergast. Estes dous últimos serán asemade os produtores, mentres que Michael Paszt, James Fler e Andrew T. Hunt serán os produtores executivos.