O fantástico Mr. Pascal

73

O actor mais de moda nestes intres, Pedro Pascal (Game of Thrones, The Last of Us, The Mandalorian), está a manter oficialmente conversas para se facer co papel de Reed Richards/Mr. Fantastic no vindeiro relanzamento dos Catro Fantásticos na Marvel Studios. Aínda que algunhas fontes mesmo aseguran que Pascal xa asinou o contrato, a Marvel aínda non confirmou ren, agás que a negociación está en marcha.

En todo caso, após do remate da folga de actores, Pascal deberá regresar aos estudos de rodaxe para continuar con Gladiator 2 nas vindeiras semanas, e ten pendente na súa axenda Weapons e a segunda tempada de The Last of Us.

O posto de Richards, o científico e inventor mais salientábel do universo da Marvel, é esencial para completar o elenco de actores do filme, e a Marvel quere estar segura de que este papel está pechado antes de iniciar conversas con outros protagonistas. O calendário de rodaxe mantén-se sen cámbios e a produción debería iniciar-se a comezos do ano que ven nos Pinewood Studios de Inglaterra, co director Matt Shakman á fronte.

Entre os anteriores candidatos para o mesmo posto falou-se anteriormente de John Krasinski, Adam Driver, Jake Gyllenhaal e Matt Smith.

Mentres tanto, os rumores ao redor do casting continúan e para o papel de Sue Storm, que seica será a protagonista do filme, segue á fronte Vanessa Kirby. Para Johnny Storm fála-se de Joseph Quinn (Stranger Things) e para Ben Grimm o posto podería ser para Ebon Moss-Bachrach (The Bear).

Na outra beira, a do supervilán, nestes intres o máximo candidato semella ser Javier Bardem, para facer o papel de Galactus. Outro español, Antonio Banderas, estivo previamente vencellado ao mesmo posto, pero agora Bardem leva a dianteira, pendente iso si da súa dispoñibilidade porque na súa axenda figura o filme F1 que rodará xunto a Brad Pitt.