Waldron, de Loki a Kang

248

O creador e showrunner da primeira tempada de Loki e guionista de Doctor Strange in the Multiverse of Madness, Michael Waldron, é o elixido para escribir o guión de Avengers: The Kang Dynasty na Marvel Studios.

Waldron, que xa estaba preparado para escribir a sexta película dos Vingadores, Avengers: Secret Wars, será o guionista desta e mais do quinto filme. Como se agarda que ambas estean interconectadas, esta contratación non é unha grande sorpresa.

En todo caso, Waldron substitúe ao responsábel de Ant-Man and the Wasp: Quantumania, Jeff Loveness, quen xa traballara en Kang, e chega despois da saída do director Destin Daniel Cretton da película.

Nestes intres Waldron é unha das mentes creativas de maior confianza da Marvel e dispón de tempo abondo para desenvolver os dous filmes, porque Avengers: The Kang Dynasty non se estreará até o 1 de maio de 2026 e Avengers: Secret Wars chegará un ano despois, o 7 de maio de 2027.

Hai non moito, Waldron pechou un acordo plurianual coa Marvel/20th Television para traballar no cinema e a televisión. A súa compañía, a Anomaly Pictures, ten unha listaxe completa de proxectos de televisión que polo de agora mantén en segredo.

Aínda fica por resolver a grande pregunta, como manexará a Marvel a complicada situación legal de Jonathan Majors, e se manterán ao actor, se o cambiarán por outro, ou se simplemente se afastarán da história de Kang.