Timothy Olyphant (I Am Number Four, The Book of Boba Fett, The Mandalorian) volverá traballar de novo co creador de Fargo Noah Hawley e coa súa canle FX, onde fixo Justified, para a série de televisión precuela de Alien que se atopa arestora en produción.
Aínda que non se revelaron detalles oficiais sobre o seu persoaxe, agárda-se que interprete o papel principal, o dun sintético chamado Kirsch que actúa coma mentor e adestrador do persoaxe de Sydney Chandler, Wendy, unha metahumana co cerebro e a conciéncia dun neno no corpo dun adulto.
Olyphant úne-se a un elenco que xa inclúe os nomes de Alex Lawther (CJ), Samuel Blenkin (Boy Kavalier), Essie Davis (Dame Silvia), Adarsh Gourav (Slightly) e Kit Young (Tootles). A história sitúa-se uns 70 anos no noso futuro, décadas antes dos acontecementos da película orixinal de 1979 e mais ou menos ao redor do mesmo tempo ca Prometheus e será a primeira história da franquía que transcorre principalmente na Terra.
A rodaxe comezou en Tailándia no pasado mes de xullo, cando se puido rodar durante algo mais dun mes grazas a que os actores estaban afiliados ao sindicato inglés Equity, que non fixo folga coma os membros da SAG-AFTRA. En todo caso, agora unha vez rematada a folga, a produción continuará ao longo de 2024.