Brooks e Hansen entran en Minecraft

189

Danielle Brooks (Leota Adebayo en Peacemaker) e mais o neno Sebastian Eugene Hansen (Lisey’s Story) veñen de unir os seus nomes ao do xa coñecido Jason Momoa no elenco de Minecraft, a adaptación ao cinema do popular videoxogo que están a preparar a Warner Bros. Pictures e a Legendary.

Coa folga de actores rematada, a produción do filme está xa na vía rápida e todo fai prever que dará comezo este mes en Nova Celándia. Brooks fará o papel de Dawn, e Hansen interpretará a Henry, pero iso é todo o que polo de agora se sabe porque os detalles do argumento continúan en segredo e mesmo o guión non está completamente rematado. Jared Hess dirixe o proxecto.

O xogo orixinal é un espazo aberto desenvolvido pola Mojang Studios e lanzado en 2011. Dende aquela, converteu-se no videoxogo mais vendido da história, con 238 millóns de cópias distribuídas e case 140 millóns de xogadores activos cada mes.

Os xogadores deben explorar un mundo virtualmente infinito en tres dimensións formado por bloques, que se poden mover e manipular para formar estruturas, máquinas e todo o que a imaxinación acade.

Este proxecto conta co apoio da Vertigo, a Legendary, a Mojang (actualmente adquirida pola Microsoft) e mais a compañía On the Roam. Os produtores son Roy Lee, Jon Berg, Mary Parent, Cale Boyter, Momoa, Torfi Frans Olafsson, Vu Bui e mais Jill Messick, quen finou en 2018 pero que aparecerá igualmente nos títulos de crédito.