A Westbrook Studios, propiedade de Will Smith e a súa muller Jada Pinkett Smith, e mais a Altar Rock Pictures unirán as súas forzas para desenvolver unha série de acción real para o público infantil e baseada na popular marca de xoguetes Monster In My Pocket.
Monster In My Pocket, vendida en Galiza co seu nome para o mercado latino “Monstros del Bolsillo”, é unha franquía creada pola Morrison Entertainment Group, unha empresa de Joe Morrison e John Weems, quen son dous ex-executivos da Mattel. Os xoguetes son figuriñas que representan monstros e criaturas lendárias da relixión, mitoloxía, literatura fantástica, ciéncia-ficción e a parapsicoloxía. A empresa produciu cartas, cómics, libros, xoguetes, xogos de mesa e videoxogos, música, roupa e mais, que en total venderon mais de 500 millóns de unidades dende o seu lanzamento en 1989.
Así e todo, os xoguetes foron obxecto de controvérsia en Inglaterra, onde por mor da súa povoación de orixe índia, a representación de deuses coma Kali ou Ganesha coma monstros foi moi ofensiva e tiveron que ser retirados das tendas.
Para este proxecto de acción real, a Westbrook e mais a Altar Rock están a se reunir con guionistas. David Boorstein, da Westbrook, afirmou nunha nota de prensa: “Observamos unha verdadeira sede de proxectos baseados na nostálxia. Monster In My Pocket tivo un grande impacto na nosa cultura, e estamos entusiasmados por nos mergullar nas ricas e cativadoras lendas destes queridos persoaxes, dando nova vida a unha marca tan emblemática xunto aos nosos parceiros da Altar Rock Pictures e a MEG“.
Terence Carter, Boorstein, Barbara Goldner, Josh Feldman, Morrison e Maggie Morrison serán os produtores executivos. Westbrook Studios é a empresa responsábel de éxitos nostálxicos con protagonistas adolescentes, coma Cobra Kai, Bel-Air e Welcome to Earth.