Skogland á fronte da precuela da Roda

294

A realizadora canadiana gañadora dun BAFTA e nominada a un Emmy Kari Skogland (NOS4A2, The Falcon and the Winter Soldier, The Handmaid’s Tale) ven de se incorporar á dirección da longametraxe de acción real The Age of Legends.

O proxecto é o primeiro dunha triloxía de películas que servirán de precuela á emblemática série de novelas fantásticas de Robert Jordan The Wheel of Time.

Esta primeira entrega é independente, sen conexión oficial coa série do mesmo nome que está a emitir a Amazon Prime, nin coa anunciada película de debuxos animados The White Tower, que tamén é unha precuela aos acontecementos de The Wheel of Time. O que teñen en común The Age of Legends e The White Tower é o guionista, Zack Stentz, responsábel de Thor e X-Men: First Class.

The Age of Legends está ambientada vários milénios antes da cronoloxía dos libros, e narra a aparición do Escuro, cando o mundo sumiu-se na escuridade e a guerra. A película abordará a natureza corrosiva do poder e o orgullo, a través das tráxicas histórias dos Desamparados, líderes outrora honorábeis que caeron vítimas da sedución do Escuro. E tamén explorará os sacrifícios de heroes inesperados que se erguen contra o Escuro para defender á humanidade.

Rick Selvage e Larry Mondragon da iwot productions e Ted Field da Radar Pictures son os produtores executivos xunto a Eva Longoria, James Leon, Mike McGuiness e Justin Smith.