As contas oficiais nas redes sociais da franquía de videoxogos de terror orixinal dos estudos Kindly Beast Bendy and the Ink Machine publicaron unha actualización anunciando que está en preparación unha adaptación ao cinema dos xogos.
O anúncio do proxecto realizou-se onte día de nadal, cunha imaxe que non revela detalles específicos, e que tan só confirma que “Bendy está a chegar á pantalla grande“.
A Radar Pictures producirá o filme, que aínda non se sabe se será con acción real ou de debuxos animados.
Lanzado en 2017 e inspirado na série de xogos de BioShock, o xogo de terror e supervivéncia en primeira persoa fai asumir aos xogadores ao longo de cinco episódios o papel dun vello animador chamado Henry Stein, que é levado a regresar á Joey Drew Studios, uns estudos de animación abandoados, onde descobre unha série de estrañas actividades paranormais causadas pola máquina de tinta.
Os xogadores participan en combates, deben resolver crebacabezas e moitas outras cousas para poderen avanzar, mentres atopan gravacións de áudio que fixeron os empregados do estudo para comprender a história do xogo e escapar ao que se volve un pesadelo en debuxos animados.
Esta adaptación ven seguir os pasos doutros éxitos deste ano, coma The Super Mario Bros. Movie e Five Nights at Freddy’s, ou a série da HBO The Last of Us e mais a da Peacock Twisted Metal.
O xogo orixinal, que xa fora ben recibido no intre do seu lanzamento, foi seguido dunha precuela en 2020 e mais unha secuela en 2022. Na actualidade a Kindly Beast está a preparar unha nova entrega.