Nunha tradición que comezamos o ano pasado e que tentaremos mantér no futuro, antes de que remate o ano cómpre revisitar os grandes éxitos que o xénero fantástico nos forneceu ao longo dos últimos doce meses. A nosa listaxe dos dez mellores conta desta volta cun par de filmes que metimos con calzadeiro, coma ese penalti inxusto que porén non varía o resultado. Se estades atentos poderedes atopar estas dúas excepcións nun decálogo que, aparte diso e por outra banda, coidamos que contén o número e mais o contido xusto dos filmes que merecen estar e que hai que ver antes de que cheguen as uvas.

10. The Marvels

The MarvelsProducida pola Marvel Studios, é a secuela do éxito de 2019 Captain Marvel (2019), e continúa a minisérie da Disney+ Ms. Marvel de 2022. Dirixida por Nia DaCosta e protagonizada por Brie Larson, Teyonah Parris e Iman Vellani, ten un tón máis comédico do acostumado, o que dende logo non conta ao seu favor, e nela as tres protagonistas intercambian os seus superpoderes mentres combaten ao império dos Kree. O filme contou cun orzamento de case 300 millóns de dólares, dos que só puido recuperar preto de 200, polo que debe considerar-se coma un fracaso nos despachos de billetes, pero como en NOVA FANTASIA somos fans sen disimulo do xénero de superheroes e gustamos ver mulleres en papéis normalmente reservados a machiños supermusculosos, contamos con The Marvels coma unha das nosas favoritas do ano.

9. Spider-Man: Across the Spider-Verse

Spider-Man: Across the Spider-VerseApós do xigantesco éxito da súa predecesora en 2018, a Sony Pictures Animation decidiu continuar as aventuras de Miles Morales no multiverso dos homes-araña, e para elo contou desta volta con Joaquim Dos Santos, Kemp Powers e Justin K. Thompson na dirección, e cun guión de novo de Phil Lord e Christopher Miller. No elenco de voces atopamos a Shameik Moore, Hailee Steinfeld, Brian Tyree Henry, Lauren Vélez, Jake Johnson, Jason Schwartzman, Issa Rae, Karan Soni, Shea Whigham, Greta Lee, Daniel Kaluuya, Mahershala Ali e Oscar Isaac. Filme dirixido especialmente aos adolescentes, os meirandes fans do gabeamuros, desta volta Miles comparte as súas aventuras con Gwen Stacy (Spider-Woman) polo multiverso e debe enfrontar-se ao superfalcatruán Spot, pero o remate da segunda entrega deberá agardar á súa continuación en 2025.

8. No One Will Save You

No One Will Save YouUnha fita de terror e ciéncia-ficción escrita, dirixida e producida por Brian Duffield, que narra a história de Kaitlyn Dever, unha rapaza que vive soa e desprezada polo resto da vila, e que deberá enfrontar-se a unha invasión extraterrestre sen a axuda de ninguén. O novidoso do filme é precisamente o seu realismo, en canto que a protagonista non se pasa o tempo falando con si mesma coma un John McClane calquera, polo que de feito tan só hai cinco verbas de diálogo en todo o filme, o resto é terreo vedado para a indústria da dobraxe, que non fixo o negócio que agardaba. Estreada nas salas de cinema en setembro, pasou logo á Disney+ e mália o seu remate decepcionante digno de Wes Anderson, acadou un éxito de crítica que a fai merecedora de aparecer nesta listaxe.

7. Guardians of the Galaxy Vol. 3

Guardians of the Galaxy Vol. 3A terceira e derradeira entrega da saga dos Gardiáns da Galáxia escrita e dirixida por James Gunn foi posibelmente a única película de superheroes que tivo un merecido éxito ao longo dun ano no que o este subxénero continuou a súa agardada crise de sobresaturación. Producida pola Marvel Studios, é a secuela do filme de 2017 e contou unha vez mais con Chris Pratt, Zoe Saldaña e Dave Bautista nos papéis protagonistas, así coma cunha manchea de estrelas convidadas que pasaron pola pantalla irrecoñecíbeis e por veces con maquillaxe de mais. Nesta ocasión os nosos heroes deben salvar a Rocket Raccoon, do quen coñeceremos por fin a história das súas orixes, e veremos unha satisfatória conclusión da triloxía.

6. Jules

JulesOutro filme de ciéncia-ficción cun tón novidoso, ou polo menos cunha volta de rosca que a fai distinta do clásico no xénero. Esta vez é unha comédia dirixida por Marc Turtletaub e protagonizada por Ben Kingsley no papel de Milton Robinson, un viúvo de 79 anos que vive só. Un día, un ovni aparece no seu xardín e un extraterrestre sae do aparello. Milton tentará pedir axuda á súa filla, á policía e aos veciños, pero ninguén lle fai caso porque pensan que está senil. O certo é o que o concepto de pór a un actor veterán coma protagonista no lugar dun adolescente heróico é algo que non se ve todos os días no cinema e trae algo de achegamento, de realismo e de universal a un xénero que normalmente non ten en conta aos maiores, simplemente porque non son os seus consumidores habituais.

5. M3GAN

M3GANAínda que oficialmente estreada en 2022, esta fita non chegou aos cinemas até xaneiro de 2023, polo que o xusto é incluí-la neste ano. Dirixida por Gerard Johnstone cun guión de Akela Cooper, a actriz Amie Donald fai o papel de M3GAN, e Jenna Davis pon-lle a voz. O argumento xira ao redor dunha boneca con intelixéncia artificial que desenvolve autoconsciéncia e se converte na inimiga de calquera que se interpoña entre ela e mais Cady, a nena da que se fai amiga. Filme perturbador e non só polo “val inquedante” no que se move o robot protagonista, resultou o primeiro grande éxito do xénero de terror e ciéncia-ficción neste ano e por méritos de seu.

4. Leave The World Behind

Leave The World BehindDirixido por Sam Esmail a partir dun guión del mesmo, baseado na novela homónima de Rumaan Alam, o filme conta cun elenco de superluxo, composto por Julia Roberts, Mahershala Ali, Ethan Hawke e Kevin Bacon entre outros. A história é contada soamente dende o punto de vista dos seus protagonistas, sen que saibamos ren mais pola nosa banda. Unha família de New York marcha de fin de semana a unha casa de aluguer en Long Island, e alí de noite aparece o dono pedíndo-lle que lle permita ficar con eles. Cousas inexplicábeis (e inexplicadas) comezan a acontecer e todo semella indicar que houbo algún tipo de golpe de Estado, ou unha invasión estranxeira, que produciu unha disrupción na natureza, pero nada é aclarado con certeza e iso fai que o espectador manteña a atención durante todo o tempo, o cal é xa de por si un éxito que hai que lle atribuír a Esmail.

3. Paradise

ParadiseThriller alemán de ciéncia-ficción distópica dirixido por Boris Kunz e protagonizado por Kostja Ullmann, Corinna Kirchhoff, Marlene Tanczik e Iris Berben, que aínda se pode ver na Netflix, conta como a start-up biotecnolóxica Aeon converteu-se nunha empresa multimillonária, que utiliza un procedemento médico para transferir anos de vida de persoas novas a outras persoas dispostas a pagar aos doantes. O filme fornece unha visión non habitual dentro do xénero distópico e destaca pola súa premisa, as súas interpretacións e por unha primeira média hora que engancha decontado, sen esquecer a crítica social que debe ser inherente ao subxénero. Na súa primeira semana de estrea converteu-se na película de mais éxito en fala non inglesa do ano.

2. Puss in Boots: The Last Wish

Puss in Boots: The Last WishSería tremendamente inxusto non incluír dalgún xeito a este filme, que oficialmente é de 2022, pero que se estreou tan tarde (nos dous derradeiros días de decembro) que non nos deu tempo ao meter na listaxe do ano pasado. Película de debuxos animados que continúa as aventuras do Gato con Botas de 2011, dirixida por Joel Crawford e Januel Mercado, ten coma protagonistas a Antonio Banderas e Salma Hayek, contando desta volta ademais con Harvey Guillén e Florence Pugh no elenco. Unha película que poden ver os nenos pero que de ningún xeito é só para eles, a história conta como o Gato tenta recuperar oito das súas nove vidas xa perdidas, mentres busca o Derradeiro Desexo e é perseguido pola Morte. O argumento e mais a súa formulación mereceron as gabanzas da crítica pola súa emotividade, e ao mesmo tempo a cinematografía e mais a animación fornecen unha perspectiva nova que a fai semellante ao anime oriental pero sen copiar o seu estilo, creando algo novo, fermoso e moi conmovedor.

1. Godzilla Minus One

Godzilla Minus OneFilme xaponés do xénero de kaijus (monstros) dirixida e escrita por Takashi Yamazaki, quen ademais encargou-se dos efectos especiais. Protagonizada por Ryunosuke Kamiki, Minami Hamabe, Yuki Yamada e Munetaka Aoki, conta como o famoso lagarto xigante aparece no Xapón de posguerra, xusto no intre mais vulnerábel da história do Xapón. O certo é que o monstro de mais sona que nos deu o cinema xaponés leva dende os anos 50 ruxindo nas pantallas, con desigual éxito, pero Godzilla Minus One pode ser perfectamente catalogada coma a mellor entrega de todas, e iso a fai subir por riba de 37 filmes dun só chimpo. A película devolve a Godzilla ás súas raíces cun retrato intelixente e abraiante, e sen esquecer a acción trepidante que cómpre agardar do subxénero, contando asemade unha história humana de fondo que é o mais salientábel desta volta.