Antes do lanzamento da súa vindeira série de debuxos animados X-Men ’97, a Marvel Comics vai estrear unha precuela en forma de cómic que permitirá entrar de cheo na acción que nos agarda na série de televisión.
Creada por Beau DeMayo, quen ademais é o seu guionista, a série da Marvel Studios será o rexurdimento do emblemático programa orixinal dos anos 90 X-Men: The Animated Series, actualmente dispoñíbel na Disney+.
O novo cómic, tamén titulado X-Men ’97, servirá coma história de acompañamento á série da tele e amosará o que foi dos persoaxes dos debuxos animados entre o momento no que rematou a vella série e no que comeza a nova. O seu guión corre a cargo de Steve Foxe (Dead X-Men) e os debuxos son do español Salva Espín, a quen os fans recoñecerán polo seu traballo en Deadpool. O primeiro número chegará aos andéis das librarías o 27 de marzo.
A série da tele pola súa banda continuará ao longo dos seus dez episódios a história non moito despois dos acontecementos que pecharon a orixinal. Storm e Wolverine tentan seguir adiante cos Homes X mentres Magneto chega para substituír ao fundador do grupo, Charles Xavier. Mentres tanto, o falcatruán Sinister continúa os seus plans para se desfacer da Patrulla X dunha vez por todas.
No que respecta á súa fasquía, polo de agora todo se mantén en segredo e só se revelou hai uns meses unha imaxe do novo Magneto, cun uniforme que o confirma coma líder dos X-Men. O estilo de animación semella ser o mesmo da série orixinal, pero polo de agora non houbo ren mais oficial por parte da Marvel. No elenco de voces atoparemos iso si a algúns dos actores orixinais: Cal Dodd, Lenore Zann, George Buza, Catherine Disher, Chris Potter, Alison Sealy-Smith, Adrian Hough, Christopher Britton e Alyson Court.
Este é o primeiro proxecto dos X-Men que chega ás pantallas dende que a Marvel Studios recuperou a propiedade dos persoaxes, até hai uns anos nas mans da 21st Century Fox.
A estrea está prevista para o ano que ven, aínda sen data fixa, pero a segunda tempada xa foi aprobada e está en desenvolvemento.